Un grupo de 15 persoas visitou este venres 18 de agosto as instalacións de CONGALSA na Pobra do Caramiñal, no marco da iniciativa Mar de Amicos, un proxecto impulsado conxuntamente pola Asociación Amicos e a Fundación para a Pesca e o Marisqueo (FUNDAMAR). O obxectivo de Mar de Amicos é achegar a riqueza do patrimonio marítimo-pesqueiro do Barbanza e tamén os recursos ligados ao complexo mar-industria da zona a todos os públicos, principalmente a colectivos con discapacidade.

A Asociación Amicos, que conta con sedes en Ribeira e Boiro, entre outras, orienta a súa acción social a favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade e a súa accesibilidade a todo tipo de actividades. No marco deste obxectivo decidiu impulsar un proxecto, xunto con FUNDAMAR, con vistas a fomentar a incorporación ao mercado de traballo deste colectivo en proxectos que poidan estar ligados ao turismo industrial, promovendo así o turismo inclusivo e accesíbel.

En relación á visita deste venres 18 de agosto a CONGALSA, a directora de Relacións Externas da empresa da Pobra, Isabel Cañas, valorou que “adheríndonos ao programa Mar de Amicos pretendemos poñer en valor a importancia de visibilizar a integración sociolaboral de persoas que sofren algún tipo de discapacidade e ofrecer actividades accesíbeis para todos os públicos”. Este compromiso coa inclusión, engadiu, é ademais unha das liñas de acción corporativa da empresa no marco da súa política de responsabilidade social pois son diversas as entidades e ONG coas que CONGALSA traballa neste sentido.
Isabel Cañas recordou que “ademais da excelente relación que a empresa mantén coa Asociación Amicos, que se materializa en diferentes iniciativas desenvolvidas conxuntamente ao longo do ano, desde CONGALSA traballamos tamén, por exemplo, con outras asociacións relevantes da comarca como Ámbar e da provincia, como Down Coruña”.

Dar o chimpo ao mercado de traballo
Pola súa banda, a dirección executiva de Mar de Amicos (composta polo equipo de dirección e xerencia de Amicos e FUNDAMAR) valorou a dispoñibilidade da empresa para participar nunha iniciativa no marco da cal configurouse “un itinerario de roteiros e visitas a diferentes enclaves industriais e pesqueiros do Barbanza, aberto a todo tipo de públicos pero no que participan activamente persoas con discapacidade, coa finalidade de axudarlles á hora de dar o salto ao mercado de traballo”.
En concreto, cada unha das visitas que promove o programa Mar de Amicos conta cun líder de grupo, membro activo da organización, unha persoa con discapacidade que actúa como guía acompañante para o resto de membros da comitiva en coordinación, neste caso, coa Dirección de Relacións Externas, que é o departamento da empresa pobrense que se ocupa de impulsar internamente a visita e coordinar a posterior degustación de produtos que a compañía ofrecerá aos participantes na iniciativa.



