Sálvora repite este verán como destino turístico ‘STARLIGHT’ con actividades gartuías de observación astronómica

29 Xullo 2023

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia volve albergar un verán máis unha completa programación de actividades astronómicas co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais: o ceo.
Deste xeito, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) encargarase de dirixir e coordinar as distintas accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde o ano 2016 acreditan a este espazo natural como destino turístico Starlight.
Para logralo, Fegar contará coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.

Cómpre lembrar que os destinos Starlight —un selo avalado pola Unesco e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitables que gozan dunhas condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan especialmente axeitados para albergar todo tipo de actividades turísticas baseadas neste recurso natural.
Neste sentido, a programación astronómica prevista para este verán nas Illas Atlánticas, financiada polo Parque Nacional —que comezou o pasado 1 de xullo e prolongarase ata o 11 de setembro— inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se porá a disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.

Actividades diúrnas e nocturnas
Así, as actividades programadas pola mañá levaranse a cabo entre as 13,30 e as 14,00 horas e centraranse na observación solar a través dun telescopio solar en lonxitude de onda alfa, para ver as protuberancias e a evolución das manchas solares, ademais do tránsito de diferentes obxectos celestes.
Así mesmo, a observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, concretamente no Lago dos Nenos e na Pedra da Campá no caso das illas Cíes, e en Caniveliñas na de Ons. Adicionalmente, tamén se realizarán unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas a nenos así como de observación de meteoritos, incluíndo a chuvia das Perseidas do mes de agosto.
A programación chegará aos catro arquipélagos aínda que a oferta concentrarase en Cíes —coa novidade este ano de que haberá actividades Starlight durante todos os días do mes de agosto, así como do 1 ao 3 e do 8 ao 10 de setembro— e en Ons —con actividades programadas do 11 ao 14 de agosto e, no mes de setembro, do 1 ao 3 e do 8 ao 11 —.

Na illa de Sálvora esta actividade desenvolverase o 19 de agosto e en Cortegada o día 22 domesmo mes.
Para poder participar nalgunha destas accións, os interesados deberán inscribirse previamente na propia illa e os grupos organizaranse in situ. Ao ser actividades ao aire libre, en todo caso, a súa celebración dependerá das condicións meteorolóxicas de xeito que este calendario é susceptible de sufrir posibles alteracións.
Na tempada 2022, a participación nas actividades do programa de dinamización de destinos Starlight realizadas nos arquipélagos incluía dous tipos de actividades: observacións solares e astronómicas nocturnas, que chegaron a 5.660 persoas.

Destino Starlight desde 2016
Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é destino Starlight desde o ano 2016, de aí a importancia de actividades coma estas, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas.
Ademais, a finais de 2015 tamén recibiu a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo cunha actividade turística de calidade. As accións de observación e divulgación astronómica programadas para xullo, agosto e setembro enmárcanse nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do parque, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.