
O Concello de Boiro recibiu unha scooter para o servizo de Protección Civil e Emerxencias no marco das subvencións dirixidas ás agrupacións, asociacións e asociacións de agrupacións de voluntarios de Protección Civil da provincia da Coruña. O alcalde, José Ramón Romero, e o coordinador do servizo, Ignacio Pérez, recolleron este mércores 12 de xullo o vehículo no parque móbil da Deputación da Coruña.
O obxectivo desta adquisición é “incorporar material que facilite as tarefas do servizo de Protección Civil e Emerxencias tales como a atención en accidentes ou emerxencias de calquera tipo, así como a colaboración e apoio en materia de seguridade en probas e outros eventos”, explicaron, engadindo que esta liña de subvencións da Deputación da Coruña ten como obxecto a adquisición de equipamentos de emerxencias para as asociacións de voluntarios de Protección Civil como son bicicletas, scooters ou equipos de comunicacións.
O servizo de Protección Civil e Emerxencias do Concello de Boiro conta na actualidade cunha vintena de voluntarios que atenden todo tipo de emerxencias producidas no termo municipal, así como colaboracións en dispositivos de outros Concellos para eventos e actividades deportivas ou festexos, incidencias solicitadas pola CIAE 112 ou as forzas e corpos de seguridade tales como poden ser incendios, accidentes de tráfico, busca de desaparecidos…




