O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo na mañá deste mércores 19 de xullo unha reunión cos presidentes das federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores para afondar nos eixes de traballo e colaboración entre ambas partes para continuar avanzando no desenvolvemento dos peiraos de titularidade autonómica. Na xuntanza participou José Antonio Pérez Sieira, patrón maior de Ribeira e presidente da Federación Galega de Confrarías.
José Antonio Álvarez puxo en común cos presidentes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e das tres provinciais (A Coruña, Lugo e Pontevedra) as principais liñas de actuación do ente dependente da Consellería do Mar así como as problemáticas e necesidades dos colectivos profesionais de cada zona. Nesta liña, ambas partes coincidiron na evolución positiva das instalacións portuarias e na vontade de seguir traballando conxuntamente para avanzar nesa tendencia.




