O Concello de Boiro vén de editar un catálogo de recursos de servizos sociais e benestar co obxectivo de “dar a coñecer os recursos locais destes ámbitos que están a disposición da cidadanía”. O concelleiro de Servizos Sociais, Raúl Treus, deu a coñecer esta mañá o catalogo que se vai comezar a distribuír nas vindeiras semanas.

“No ano 2019 comezamos a dar pasos para que todas as entidades que, dun xeito ou doutro, traballan a prol do benestar social se puxesen en contacto de maneira que se diversificasen os servizos e prestar unha maior e mellor resposta ás necesidades da cidadanía”, afirmou o concelleiro, engadindo que “este traballo conxunto e coordinado fixo que, na actualidade, Boiro dispoña dunha rede de benestar na que están integrados os Servizos Sociais municipais, Protección Civil, Forzas e Corpos de Seguridade e as entidades sociais, de maneira que se garanten uns servizos que dan resposta ás necesidades dos colectivos máis vulnerábeis”.
O Concello de Boiro edita este catálogo no que se poden consultar todos os programas municipais, servizos do Concello ou das entidades sociais aos que se pode acceder en materia de nenez, inclusión social, discapacidade, dependencia, maiores, migracións ou voluntariado. “Detectamos que moitas persoas descoñecían os servizos aos que tiñan dereito e podían acceder, polo que elaboramos este catálogo para poñer a disposición das familias”, recoñeceu.
O catálogo estará dispoñíbel nos edificios e centros municipais, no Centro de Saúde e, a partir do mes de setembro, distribuirase tamén nos centros escolares para que a información poida chegar a todas as familias do municipio.