O colectivo Ecoloxistas en Acción paraliza as obras de San Finx logo de interpoñer denuncia no Xulgado

13 Xullo 2023

O conflito na mina de San Finx, en Lousame, vén de recruar na súa intensidade logo de que activistas de Ecoloxistas en Acción paralizasen na mañá deste 13 de xullo os traballos de instalación da tubaxe polo que a filial da empresa australiana Pivotal Metals pretende verter case 1.000 millóns de litros anuais de drenaxes de mina con altas concentracións de metais pesados.

Unha ducia de mariscadores e membros do grupo ecoloxista situáronse diante das máquinas mentres outro grupo disfrazado con caveiras botaba unha partida ao MINApoly, versión do popular xogo preparada para a ocasión coa que estes colectivos queren mostrar “a corrupción que rodea esta polémica mina”, sinalaron ao tempo que denunciaron novamente “que as infraestruturas para efectuar as verteduras están sendo executadas como parte dunha obra pública contratada pola Consellaría de Medio Rural para o asfaltado dunha estrada local”, o que desde a organización ecoloxista consideran “indiciario dun presunto delito de malversación de caudais públicos e prevaricación”. De feito, esta mesma semana interpuxeron denuncia penal nos xulgados de Santiago contra a directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, logo de que varios colectivos da plataforma comarcal contra os vertidos lle demandaran a semana pasada a suspensión das obras.

O colectivo Ecoloxistas en Acción lembra que a devandita é a quinta causa penal que se abre en relación á mina de San Finx, xuntándose ás dilixencias que se seguen contra o ex-director xeral de minas Ángel Bernardo Tahoces, que deberá declarar en Santiago con outros funcionarios igualmente imputados, así como ás abertas contra altos cargos de Augas de Galicia e contra a propia empresa mineira e os seus administradores. En paralelo, confrarías, concellos e organizacións ecoloxistas iniciaron varios contenciosos contra a autorización de vertidos outorgada pola Xunta en febreiro, confiando en que a Xustiza a suspenda cautelarmente antes de que sexa demasiado tarde.

Ecoloxistas en Acción tamén recorda que a operación das minas de San Finx foi “autorizada ilegalmente en 2009 cun proxecto non sometido a avaliación de impacto ambiental e sen participación pública”. Este ano Augas de Galicia outorgoulle unha autorización de vertido logo de máis de sete anos de tramitación totalmente irregular. A mina está a apenas 7 km da ría de Muros e Noia e o inicio das verteduras compromete a integridade dos bancos de marisqueo dos que dependen máis de 10.000 empregos directos e indirectos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.