Dende a Asemblea Veciñal de Nós Pobra queren trasladar á veciñanza a postura acordada pola asemblea este luns 3 de xullo trala proposta feita polo BNG da Pobra o venres da semana pasada.
Esta proposta ofrecía a Alcaldía ao grupo político co condicionante de que non a ocupase ningunha persoa que pasase polo goberno anterior, segundo trasladan o BNG esta proposta foi acordada con VIxP.
Dende o partido rexeitan a proposta. A candidatura non é negociable, os candidatos e candidatas foron escollidas por un proceso interno de votación, posto por posto, polas persoas asemblearias de Nós Pobra. Non creen que existan razóns para que ningunha das persoas das que conforman a lista teña que dar un paso atrás ou presentar a súa renuncia. En todo caso se alguén tivese que renunciar tería que ser por decisión individual ou asemblearia, pero en ningún caso aceptamos que outros partidos condicionen unhas negociacións políticas en base a inxerencias sobre a na nosa candidatura.
Segundo lles informan o PSOE tampouco aceptou esta proposta, xa que ao igual que Nós Pobra, consideran que se deben respectar as listas electas por cada partido.
Pola súa banda o BNG fíxonos saber que non teñen problema en respectar as listas, que a proposta de vetar a dous integrantes da candidatura de Nós Pobra, xorde unicamente por petición de VIxp.
Para Nós Pobra o máis importante é falar de programa, proxectos a levar a cabo, orzamentos, e todo o que teña que ver na mellora da vida das nosas veciñas e veciños. Seguimos abertos a falar de políticas pero sen condicionantes inasumibles, sen liñas vermellas, con obxectivos sociais e claros.





