O candidato e portavoz do BNG pola Coruña, Néstor Rego, participou este xoves 20 de xullo nun acto público en Boiro encadrado na campaña electoral deste 23-X. Na cita, Rego insistiu “en que un grupo galego forte en Madrid é garantía de defensa dos dereitos das galegas e galegos e a mellor barreira fronte á dereita e ultradereita”. Este 23-X, dixo, “temos a oportunidade de mostrar que confiamos nas nosas posibilidades e temos orgullo para poñer fin á discriminación histórica que padecemos”.
“Esta na nosa man, podemos conseguilo e debemos confiar nas nosas propias forzas”, dixo Néstor Rego nun acto en que animou a votar BNG como “única garantía para que en Madrid se escoite a voz e se defendan os dereitos dos galegos e galegas con políticas transformadoras que melloren a vida da maioría”.
Rego tivo palabras para quen dubide acerca ca conveniencia de votar ao BNG para frear o posíbel goberno de extrema dereita. Aseguroulles que “poden ter a certeza que o BNG é o verdadeiro muro de contención contra a ultradereita… non só porque faremos todo o que estea na nosa man para que non goberne senón tamén porque defendemos con todas as forzas os dereitos sociais e as liberdades públicas, as políticas verdadeiramente sociais e transformadoras están no no noso programa electoral”.
Ademais, o candidato pola Coruña utilizou outro argumento para animar a apoiar o BNG, o voto dobre xa que, ademais, “é a única forza que ten como obxectivo prioritario traballar para a mellora de Galiza, para poñer fin á discriminación histórica e avanzar en dereitos mais tamén en investimentos”. Lembrou así que “cando o BNG foi determinante conseguíronse os maiores orzamentos para Galiza, coa cantidade máis alta para investimentos cos 2000 millóns de euros que se consignaron nos orzamentos do 2008, 2009 e 2010”. E engadiu: “Este é, sen dúbida, o único voto útil, o que trae beneficios para o noso país”.
Tamén dixo que na anterior lexislatura o grupo presentou máis de 1500 iniciativas e 1000 emendas aos orzamentos. Estas cifras, engadiu, marcaron o “mapa dos problemas e das solucións que precisa Galiza e foi o BNG quen o levou ao Congreso a maior parte das veces coa oposición ou mesmo coa indiferenza dos deputados e deputadas galegas”. E engadiu: “Cun só deputado, conseguíronse logros para Galiza mais é preciso un grupo galego forte para que se cumpran as promesas, para asegurar que se aproben iniciativas para mellorar a vida de galegos e galegas, para ter unhas infraestruturas viarias e ferroviarias do século XXI, para reverter a crise industrial, acabar co espolio eléctrico ou garantir dereitos laborais e pensións dignas que precisamos”.
Neste sentido, citou tamén dúas propostas do BNG que foron adiante destinadas a traballadores e traballadoras do mar como é o dereito a voto para as persoas embarcadas e o catálogo de doenzas profesionais, até agora non recoñecidas, ademais de emendas lexislativas imprescindíbeis para garantir o futuro do sector industrial vinculado á pesca. “Fomos e podemos dicilo con orgullo, a voz de Galiza en Madrid, sen máis dependencias, coas mans libres para defender os nosos intereses como país e iso dános lexitimidade para pedir agora máis apoio, para facer valer Galiza, para que se cumpran os acordos, para sermos determinantes nun horizonte sen maiorías absolutas, está claro… neste 23X Galiza ten moito que gañar”, afirmou Néstor Rego.