Será impartida por Yasemin Tekiner e Emine Kara, que veñen de incorporarse a Lousame a través do programa de voluntariado europeo European Solidarity Corps

5 de xullo de 2023.- A concelleira de Xuventude e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e o
técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, presentaron esta mañá o programa “Leisure
activities in english”, que será impartido polas novas voluntarias europeas: Yasemin Tekiner
e Emine Kara. Trátase dun programa gratuíto de actividades educativas e de ocio impartidas
unicamente en inglés e que terá lugar nos meses de xullo e agosto.
Yasemin e Emine, que forman parte do programa de voluntariado europeo European
Solidarity Corps, colaborarán co Concello de Lousame na posta en marcha desta proposta e
serán as encargadas de fomentar o uso do inglés durante as actividades. O programa inclúe
pintura, karaoke, música, xogos, cine, creatividade, teatro, conversas e moito máis, todo en
lingua inglesa.
O programa desenvolverase en dúas quendas, dirixidas a diferentes franxas de idade: o 31 de
xullo e do 1 ao 4 de agosto para a rapazada de 5 a 10 anos e do 21 ao 24 de agosto para a
cativada maior de 10 anos. Cada quenda dispón de 25 prazas e a reserva pode realizarse a
través de www.bandoticket.com .
Clases na Casa da Cultura
Silvia Agrafojo explicou que “a novidade deste ano é que as actividades vanse desenvolver
na Casa da Cultura e non no local social do Sanguiñal xa que este estará ocupado pola
rapazada do Lousame Concilia, que terán que deixar as actuais instalacións do colexio en
canto comecen as obras de mellora nestas instalacións”. E é que durante este verán a Xunta
de Galicia vai investir máis de 590.000 euros na substitución das fiestras e a renovación do
SATE (sistema de illamento térmico exterior) do edificio de infantil e da parte nova do
edificio principal do CPI Cernadas de Castro.
José Manuel Outeiral aproveitou tamén para presentar ás dúas novas voluntarias europeas
chegadas a Lousame, Yasemin Tekiner e Emine Kara, procedentes tamén de Turquía, país de
orixe das catro últimas voluntarias. En inglés, Emine Kara comprometeuse a dar “o mellor de
nós para que estas actividades en inglés se desenvolvan con éxito”, ao tempo que puxo en
valor este primeiro mes no noso país: “é todo moi bonito, estou coñecendo nova xente, unha
nova lingua, unha nova cultura e é moi emocionantes”. Que se atreveu a falar nun fluído español foi Yasemin Tekiner, para quen “é a miña primeira vez en Galicia e me gusta. É un ambiente moi diferente e unha zona que me gusta moitísimo”. Sobre o curso indicou: “realizaremos actividades para os nenos e buscaremos un equilibrio entre unha parte divertida pero tamén que aprendan e sexa produtiva para eles”.




