José Carlos Vidal Suárez (Nós Pobra) novo alcalde de A Pobra

07 Xullo 2023

O salón de plenos do Concello da Pobra do Caramiñal acolleu neste 7 de xullo, a sesión extraordinaria para a constitución da corporación municipal para a lexislatura 2023-2027.
A xornada arrancou coa constitución da mesa de idade composta por José Carlos Vidal Suárez (de maior idade, concelleiro de Nós Pobra) e Marta Fernández López (de menor idade, concelleira do PP).
Deseguido, procedeuse coa toma de posesión dos concelleiros/as dos distintos partidos que integran esta lexislatura: PP (Manuel María Durán Guillán, María de la Encarnación González Montemuíño, Jesús Dieste Buceta, María González Santos, María Beatriz Martínez Outeiral e Marta Fernández López), Nós Pobra (José Luis Piñeiro García, Estefanía Ramos Olveira e José Carlos Vidal Suárez), BNG (María Amparo Cerecedo Sánchez e Rosana Pérez Fernández), PSdeG-PSOE (Patricia Lojo Nine) e VIxP (Eloy Sobrido García).
Posteriormente, convidouse a que os/as edís que encabezaron as listas manifestaran se mantiñan ou retiraban a súa candidatura á alcaldía: unicamente a mantiveron o PP e Nós Pobra. José Luis Piñeiro García e Estefanía Ramos Olveira (número 1 e 2, respectivamente, de Nós Pobra) renunciaron a ser alcaldables, se ben manteñen a súa acta de concelleiro/a, polo que José Carlos Vidal (número 3 de Nós Pobra) pasou a ser candidato á alcaldía.
Na votación de elección do alcalde, o concelleiro Manuel María Durán Guillán (PP) obtivo o respaldo de 6 edís (PP), mentres que José Carlos Vidal Suárez (Nós Pobra) acadou 7 (Nós Pobra, BNG, PSdeG-PSOE e VIxP), polo que este último foi investido como alcalde.

Dada a coincidencia entre o candidato electo como alcalde e presidente da mesa de idade, Jesús Dieste Buceta (PP) tomou o relevo nesta última para que José Carlos Vidal Suárez (Nós Pobra) tomase posesión e recibise o bastón de mando do seu predecesor, José Luis Piñeiro García (Nós Pobra), e efectua-la lectura do seu discurso.

Discurso do novo alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal Suárez
A estas alturas case todos sabedes do proceso tan complicado que nos trouxo ata aquí e tamén que eu non era a primeira opción do meu partido, Nós Pobra. O caso é que, por diversas circunstancias, son eu o que acabou sendo proposto como alcalde. Iso foi posible grazas, en primeiro lugar, á xenerosidade de Xosé Lois, quen foi capaz de botarse a un lado para poder así conseguir desbloquear unha situación moi complicada.
Polo que é de xustiza, que sexa el o primeiro que apareza nos meus agradecementos.
Por suposto, tamén agradecerlle á miña asemblea a confianza que depositou en min ao elixirme como número 3 da lista que Nós Pobra presentou ás eleccións municipais. E, como non, ao BNG, PSOE e VIxP por ser capaces de unir os seus esforzos para conseguir un goberno que estou seguro vai ser eficaz e ilusionante.
Pero, sobre todo, quero facer extensivo o meu agradecemento a tódolos veciños e veciñas da Pobra. Dicirvos que eu estou aquí para servirvos, sexades de esquerdas ou dereitas, relixiosos ou ateos, traballadores ou empresarios. Non vai haber diferenzas. Esta é a vosa casa. Teño moi claro
cal é o meu deber como alcalde, e ese deber é para con todos vós.
Durante 35 anos fun bibliotecario neste Concello. Non teño un perfil político e tampouco experiencia algunha neste campo, pero o que si vos podo prometer é traballo, dedicación e compromiso.
Moitas grazas e a partir de xa mesmo estou á vosa disposición.

Outros artigos

Publicidade

Castiñeiras

Revista en papel

Opinión

“Del veraneo a las vacaciones”. Javier García Sánchez

“Del veraneo a las vacaciones”. Javier García Sánchez

En mis recuerdos está más que presente el modo conel que se nos premiaba al final del curso escolar yque todos conocíamos como veranear. Eran variosmeses de veraneo de infancia y juventud quediscurrían en una de las playas más emblemáticas.En mi caso la que se conocía...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.