O Concello de Boiro colabora co Club de Remo de Cabo de Cruz na IX Bandeira Marina Cabo de Cruz da Liga Galega de Traíñas que se celebra o vindeiro domingo 30 de xullo. Na presentación celebrada na mañá deste mércores 26 de xullo participaron o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo; o presidente do Club de Remo, Luís Piñeiro; e a secretaria da Asociación Liga Noroeste de Traíñas; e Manuel Fajardo, presidente do Club Náutico de Boiro.
Trátase, sinalaron, “dunha regata de traíñas a catro longos na que van participar os doce equipos da Liga A”. Por parte do Club de Remo de Cabo de Cruz o seu presidente Luis Piñeiro indicou que “imos a dar o máximo posible nesta regata da casa”.
Pola súa banda, o concelleiro de deportes, Marcos Fajardo, felicitou ao club polos resultados obtidos nesta fin de semana e o alcalde, José Ramón Romero, animou á veciñanza a achegarse este domingo ao peirao de Cabo de Cruz para presenciar esta cita co remo.
A regata transmitirase en diferido ás 19.00 horas, na TVG2.




