A praia da Cruceiro, na vila de Porto do Son, será este verán un dos grandes puntos de interese do noso litoral. O motivo non é outro que os traballos de remodelación dos que vén de ser obxecto ao longo deste inverno e desa primeira, uns traballos destinados a poñela en valor e recuperar a súa riqueza ambiental e paisaxística, seguindo os parámetros marcados polo proxecto de recuperación do bordo portuario de Porto do Son.

Entre outras novidades a destacar, o areal inclúe na súa nova vida pasarelas de madeira e un cordón vexetal que axudará a frear o arrastre da area en dirección ao parque que se atopa nas inmediacións. Tamén loce redes de abastecemento e de saneamento para as novas duchas e liberouse do muro que a circundaba e dos elementos urbanizados que afeaban o conxunto. Igualmente, foron habilitados elementos luminosos non invasivos. En definitiva, recuperouse a súa feitura natural que nunca debeu perder.

Os traballos de remodelación da contorna do Cruceiro contaron cun investimento de 210.188 euros, dos cales o 70% foi asumido pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta e o restante 30% polo Concello. Actuouse sobre unha área de catro mil metros cadrados.
Un dos obxectivos que se buscaba era emendar a cuestión do arrastre de area dende a praia cara a terra, coa problemática de que un dos elementos principalmente prexudicados viña sendo o parque infantil que se atopa nas proximidades, amais das contornas axardinadas da área portuaria. Para pór remedio a esta circunstancia déuselle forma a un tecido de dunas deseñado expresamente para achegar protección do vento ao tempo que se mellorou a compoñente paisaxística da praia. Empregouse para darlle fixeza ao sistema dunar vexetación autóctona do noso litoral, cousa que se puido levar a cabo grazas ao derrubo das zonas máis urbanizadas (botáronse abaixo os muros de formigón e as superficies de asfalto). Con estas intervencións tamén se garantiu o factor “accesibilidade”, ao incorporar pasarelas de madeira firmemente asentadas no sistema dunar.

Por certo que unha parte importante destes traballos foron desenvolvidos polas alumnas e alumnos do Obradoiro de Emprego Tahume (especialidade de Certificado de Confección e Montaxe de Artes e Aparellos), que se encargaron de instalar os elementos separativos. Os traballos despregados polo alumnado de Tahume incluíron tamén o acondicionamento do sistema dunar e dos accesos sobre táboas de madeira, espazos que se delimitan coas redes devanditas.
Nunha visita recente da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, esta sinalou que “temos unha costa marabillosa que debemos coidar, mimar, rexenerar e humanizar facéndoa accesíbel para todos. A natureza manda e temos que evitar elementos externos e barreiras”.



