Segundo informa a “Cofradía de Noia” a Fiscalía Provincial de Medio Ambiente da Coruña ven de abrir dilixencias de investigación contra a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e outros altos cargos e funcionarios do seu departamento por posibles delitos de prevaricación, chamándoos a declarar coa condición de investigados, logo de que o pasado mes de febreiro acordaran outorgar autorización de vertidos á mina de San Finx, en Lousame.
As dilixencias abríronse a raíz de denuncias realizadas polas cofradías de pescadores de Noia e
Portosín así como por Ecoloxistas en Acción, nas que se alertaba do xeito irregular no que se
concedeu a autorización de verteduras e da omisión por parte de Augas de Galicia tanto do
control e sanción das verteduras xa existentes, como da obriga de cobrar á empresa mineira o
canon de control de vertidos, o que ascende a máis de 30 millóns de euros.
O decreto da Fiscalía tamén recolle as denuncias por verteduras ilegais que cursaron ante o
SEPRONA as cofradías de Noia e Portosín, neste caso responsabilidade da filial da empresa
australiana Pivotal Metals e os seus administradores, domiciliados do madrileño municipio de
Tres Cantos, e das que dan testemuña as análises realizadas polos axentes da Garda Civil.
Logo de coñecer a noticia, tanto as cofradías como Ecoloxistas en Acción demandaron ao
presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á conselleira de infraestruturas e mobilidade, Ethel
Vázquez, que sexan apartados inmediatamente dos expedientes relativos á mina de San Finx
tanto a directora de Augas de Galicia como os demais funcionarios implicados, ante o risco de
destrución de probas e o evidente conflito de intereses nos trámites en curso.
Este mesmo mes a Directora de Augas de Galicia acordou conceder unha prórroga á empresa
mineira australiana para completar as infraestruturas de vertido, logo de que esta incumprise
o condicionante de finalizar as obras en catro meses. Deste xeito, a vertedura de case mil
millóns de litros anuais podería comezar a partir do 12 de agosto, inxectando metais pesados á
ría de Muros e Noia, onde miles de familias dependen da calidade das augas e dos bancos de
marisqueo para o seu sustento.




