A Asociación Noia Harp Fest e Obra Social de Pediatría do IDIS levan a música aos nenos ingresados no CHUS

18 Xullo 2023

Sobre a base demostrada do poder terapéutico da música a Asociación Noia Harp Fest (impulsora do festival de arpa de Noia que se celebra entre o 3 e o 6 de agosto) e o IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago) puxeron en marcha o proxecto Boas vibras. Arpistas pola saúde, cuxo obxectivo é favorecer a presenza da música de arpa nos centros hospitalarios, en concreto na área de Pediatría do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS).

Segundo fan saber as dúas entidades, a intención concreta é mellorar a humanización na asistencia aos pacientes, “así como fomentar o aproveitamento dos beneficios que supón esta práctica para a saúde, estudados e analizados noutras experiencias similares realizadas en diversas partes do mundo”, asegura Rodrigo Romaní, director de Boas Vibras e do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia. “Levamos dez sesións e aínda que sexa o inicio e quede moito por avanzar, cremos que a experiencia está a resultar moi positiva tanto para os pacientes como para o persoal sanitario e os propios artistas”, apunta.

Bleuenn Le Friec no CHUS

“Os beneficios da música, e en particular da arpa, na saúde dos pacientes pediátricos son múltiples”, sinala o doutor Federico Martinón, xefe de pediatría do CHUS. “Pode axudar a reducir a ansiedade e o estrés, mellorar o estado de ánimo, proporcionar unha distracción da dor e o malestar, e mesmo pode mellorar o sono. Estamos entusiasmados de incorporar este tipo de terapia innovadora e sen medicación no noso hospital”.

O proxecto piloto promoverá a investigación, estudando o impacto da música nos nenos hospitalizados para poder “apoiar a súa implementación con datos cuantitativos e cualitativos sólidos”. A experiencia que se está a desenvolver no CHUS está controlada polo persoal sanitario. A través do proxecto, arpistas da asociación levan xa un tempo visitando aos pacientes de xeito voluntario e solidario, establecendo unha comunicación sonora baseada na personalización da música que se interpreta, centrada na adaptación ás características e situación de cada persoa, primando tamén a improvisación musical para chegar a provocar cambios positivos e observábeis na súa evolución.

Noia Harp Fest

A Asociación Noia Harp Fest é a impulsora do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que este ano celebrará a súa décima edición entre o 3 e o 6 de agosto. Trátase do único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que pon o foco na arpa, situándoa como única protagonista. No seu cartel conflúen desde hai unha década agrupacións e solistas de estilos moi diversos, procedentes tanto do ámbito galego ou estatal coma do internacional, mais todas elas unidas por un fío común: a interpretación musical a través da arpa.

Este ano, o Noia Harp Fest (cuxos concertos son de balde para o público asistente e teñen lugar en espazos emblemáticos coma a praza do Tapal, a igrexa Santa María A Nova ou o Teatro Coliseo Noela, entre outros) contará coa participación de mulleres arpistas virtuosas como Laoise Kelly, The Pozzies, Müsgo, Elisabeth Cerra, Claudia Besné ou Beatriz Cortesão, quen será a solista que actúe coa Real Filharmonía de Galicia na estrea mundial de Hibrys, peza gañadora do Certame de Compositición Portus Apostoli.  Ademais, o festival afondará na súa vertente educativa ao abrir o evento, por segundo ano consecutivo, cun encontro do alumnado das escolas de arpa de Galicia, e que este ano renderá homenaxe o pioneiro en introducir o instrumento na música do país, Emilio Cao, coa interpretación do seu O vals do mencer, arranxado especificamente para a ocasión.

Para máis información sobre as sedes e programación, pódese visitar www.noiaharpfest.gal.

Outros artigos

O Concello de Boiro impulsa os xogos tradicionais nas parroquias

O Concello de Boiro leva os xogos tradicionais ás parroquias mediante o programa Xogantina para fomentar o os xogos populares e inclusivos. No marco desta actividade vaise desenvolver unha xornada de actividades lúdicas tradicionais destinada aos centros de ensino e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Para vivir ben, Galicia!”. Luís Celeiro

“Para vivir ben, Galicia!”. Luís Celeiro

A morte, se pensas nela, se recordas ao amigo no cadaleito camiño cara ao máis alá ou seves ao teu pai deitado caladamente nun féretro de madeira nobre, diante dunha multitudede xente chorando, a morte -dicimos- fai estremecer a alma dos vivos, fai que se apague aluz...