O Coliseo Noela vai acoller este domingo 25 un concerto no que o músico galego Xoán Curiel e a súa banda recuperan a nosa tradición musical medieval. Trátase do espectáculo Treides Comigo!, que consiste máis concretamente nunha renovada viaxe musical polas cantigas da lírica galego-portuguesa e os trobadores medievais dos Camiños de Santiago. A cita será como dixemos este domingo ás 20:30 h no Teatro Coliseo Noel. O concerto está organizado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña como parte da actividade Festa da Música. A entrada é libre ata completar a capacidade do aforo.

Para esta proposta, Xoán Curiel musicalizou varias cantigas medievais compostas por trobadores galegos vencellados dalgún xeito a autores dos lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago. Xunto coa cantante e filóloga Iris Gey, realizou unha revisión e unha abordaxe contemporánea das cantigas medievais galegas para crear este novo traballo discográfico.




