A app autonómica Orcinus xa rexistrou 150 avistamentos de candorcas en medio ano de actividade

07 Xuño 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, estivo este mércores en Muros para, entre outras cuestións, facer un balance da actividade xerada pola aplicación móbil autonómica destinada a rexistrar (e reducir) as interaccións con candorcas na navegación. Segundo fixo saber, a ferramenta acubillou 150 albiscamentos en medio ano de funcionamento.

Ademais, engadiu a conselleira, a app Orcinus ten máis de 2.700 usuarios rexistrados de preto de 40 países diferentes. Todas as xeolocalizacións contabilizadas destes animais sitúanse ao sur de Lisboa pola súa dinámica de movemento

Quintana tamén recordou que esta ferramenta, desenvolvida e xestionada polo Bottlenose Dolphin Research Institute do Grove, incorporou melloras froito das suxestións dos usuarios como o incremento do radio máximo para recibir notificacións de presenza de candorcas.

A titular de Mar, que na súa visita a Muros estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e polos representantes das asociacións náuticas ASNAUGA, Mariñas de Galicia e Northmarinas, explicou que o feito de as xeolocalizacións se rexistraran ao sur da capital portuguesa débese “á propia dinámica de movemento das colonias destes cetáceos, que nos meses de inverno atópanse en zonas máis próximas ao estreito de Xibraltar pola procura de alimento e non adoitan desprazarse á costa de Galicia ata os meses estivais, como ocorreu cos avistamentos e interaccións rexistradas nos últimos exercicios”.

Rosa Quintana destacou ademais algunhas das melloras realizadas na aplicación ou novas funcionalidades que facilitan o seu uso froito das suxestións dos usuarios. Entre elas, incrementouse de 50 a 100 quilómetros o radio máximo para recibir notificacións de presenza de candorcas e desenvolvéronse melloras para facer compatible a aplicación con varios sistemas operativos de telefonía móbil utilizados tamén noutros países.

En canto á utilidade de Orcinus, a titular de Mar salientou que está a “ser empregada por unha grande parte de grupos de investigación que levan a cabo mostraxes sobre candorcas, tanto en Galicia como en Portugal e no Estreito de Xibraltar”. Deste xeito, subliñou, “apórtase información precisa sobre a presenza dos diferentes grupos de cetáceos, complementaria á aportada polos usuarios particulares, o que fai de Orcinus unha ferramenta de grande utilidade para colectivos como os náuticos, dos máis afectados pola presenza de candorcas”, dixo.

A aplicación está dispoñíbel para descarga, entre outros sistemas operativos, tanto en versión Android como IOS (os máis utilizados en España) e permite rexistrar en tempo real a presenza de candorcas así como compartir esta información co conxunto da comunidade usuaria da aplicación. Deste xeito informa dos avistamentos ao momento, así como dos rexistrados nas semanas previas á consulta, facilitando ao navegante datos para unha mellor planificación da súa travesía.

Para iso, calquera usuario pode darse de alta na aplicación e xeolocalizar avistamentos de candorcas na parte do mundo na que estea a navegar. Eses rexistros son verificados polos responsábeis do mantemento da aplicaicón que se descarga de xeito automático no idioma no que está configurado o dispositivo do usuario e que emprega os mapas de Google do mesmo xeito para darlle carácter internacional.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...

“A forza da gratitude”. Luís Celeiro

“A forza da gratitude”. Luís Celeiro

Daquela, hai algo máis de cincuenta anos, algúns dos aldeáns e aldeás das aldeas de Lugochegaban ao Instituto para abrir as portas do futuro, pechadas a cal e canto para os fillos daMariña, para os das montañas da Fonsagrada, dos Ancares, do Courel e da Lóuzara...