A axenda turística da Pobra do Caramiñal para este verán conta cunha marcada vertente marítima. A concelleira do Turismo en funcións, Charo Varela, anunciou este martes 27 de xuño que se volve apostar pola ruta do mexillón coa colaboración, un ano máis, da empresa Oceanic Arousa Tours.
Esta actividade, dixo, súmase así á oferta coa vista posta no mar: travesías en catamarán ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, viaxes en veleiro pola ría da Arousa, xornadas de turismo mariñeiro e Semana do Mar.
O obxectivo principal desta proposta é “aprender sobre o proceso do cultivo do mexillón e a importancia deste sector no ámbito socioeconómico na ría arousá a través dunha aproximación ás bateas”. Ademais, durante a navegación en lancha, haberá ocasión para contemplar de preto a illa de Rúa e a do Areoso.
As saídas efectuaranse aos xoves dos meses de xullo e agosto, na quenda de mañá (ás 11.00 horas) e na de tarde (ás 16.00 horas), cunha duración de tres horas. O importe para desfrutar desta experiencia establécese nos 25 euros por persoa adulta e nos 15 euros para menores de 10 anos.
As prazas son limitadas, polo cal se require a inscrición previa a través dalgunha das seguintes vías: na oficina de información turística -situada na Casa Mariñeira-, no enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262, 687482835 e 981843280 (marcando a extensión 2035).




