
Catro anos depois da inauguración do Paseo Plácido Betanzos na fachada portuaria de Palmeira, o recordado profesor, escritor, político e intelectual recibiu unha nova homenaxe co descubrimento dunha escultura neste emprazamento, recentemente renovenado da man da Fundación RIA de David Chipperfield.
Numerosos veciños e amigos, amén de represesentantes de todos os grupos políticos da Corporación, quixeron estar presentes neste simbólico acto promovido pola Comisión en Homenaxe a Plácido Betanzos no que o Himno do Antigo Reino de Galicia ao principio e o Himno Galego ao final, ambos interpretados polo grupo Os Liantes de Artes, marcaron a apertura e o peche.
Baixo a condución do técnico municipal de Cultura Unai González, interviñeron no evento Maricarmen García no nome da citada comisión, quen cualificou a escultura obra da prestixiosa artista Soledad Penalta como un “referente identitario para o noso pobo e tamén un referente cultural para o noso concello”.
A propia autora explicou que a súa creación, titulada “Aperta”, está formada por dúas planchas feitas en aceiro corten, un material especialmente acaído para as zonas costeira, en tanto que o historiador local Pepe Castrelo citou diversos referentes dos que bebeu Plácido Betanzos como os palmeiráns Romero Ortiz e Salvador Fernández Soler ou tamén Domingo Lorenzo Mene e Carmen Estévez Pena, que aínda que oriundos de fóra se implicaron na vida da localidade. Tamén citou a Asociación de Mariñeiros de
Palmeira, a Liga Popular de Palmeira, a Comision Xestora para o Axuntamento de Palmeira e o Centro Republicano Socialista.

O momento máis emotivo do evento púxoo a filla de Plácido, Sofi Betanzos, quen ademais de agradecer a todos os que fixeron posible este momento compartiu cos cos asistentes todo o cariño recibido
pola familia de parte dos numerosísimos amigos que Plácido cultivou ao longo da súa vida, un aprezo palpable cinco anos despois do seu pasamento o 2 de xuño de 2018.
Precisamente, o alcalde en funcións Manuel Ruiz, quen pechou a rolda de intervencións, citou a capacidade de “repartir cariño” como a gran cualidade que definiu ao homenaxeado, tanto na vida política como fóra de ela. Ademais, loou a escultura de Soledad Penalta e asegurou que será un referente do porto de Palmeira que todo o mundo poderá aprezar na súa entrada.
A continuación tivo lugar o descubrimento na placa situada na base da escultura e que, tras retirar a bandeira galega, reflectiu o seguinte: “APERTA. Homenaxe á concordia. Na honra da nosa xente, boa e
xenerosa, defensora dos valores democráticos. Inspirada en X. Plácido Betanzos García.”
Co himno de Galicia interpretado polo grupo de gaitas Os Liantes de Artes rematou a homenaxe o escritor de Palmeira.
