O Noia Harp Fest convoca a II edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli

19 Xuño 2023

A segunda edición do premio internacional de composición Portus Apostoli xa está en marcha. O Noia Harp Fest (NHF) vén de publicar na súa web oficial as bases na da nova convocatoria do galardón, patrocinado polo Concello de Noia, e que nesta ocasión recoñecerá as creacións escritas para arpa e banda.

O Premio Portus Apostoli naceu en 2022 como unha aposta por ampliar o repertorio de obras para arpa e orquestra. Desta quenda, o certame afondará nesa mesma idea, mais dirixida a favorecer o aumento de obras nas que o instrumento protagonista do Noia Harp Fest, a arpa, poida combinar cunha banda O galardón, cuxo recoñecemento económico aumenta até os 2.500 euros, implicará tamén a estrea absoluta da obra no marco dun concerto especial, vinculado ao NHF, a cargo da Banda Municipal de Santiago coa colaboración da Banda de Música de Noia, e coa interpretación de solistas do ámbito internacional. Ademais, como novidade, outorgarase unha Mención de Honra, sen achega económica, para a obra que quede en segunda posición no certame.

A convocatoria do Premio Portus Apostoli, que conta coa colaboración de Turismo de Noia, está aberta desde até o vindeiro 23 de decembro de 2023 a todas as compositoras e compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Segundo explican a organización, un xurado de recoñecido prestixio será o responsábel de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa; a coherencia, a proporción e o equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galegas.

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha única obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e banda (sen medios electroacústicos) e deberá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos.

Para máis información sobre as bases do II Premio Internacional de Composición Portus Apostoli e a documentación que se debe remitir para poder participar, o NHF recomenda visitar o espazo web www.noiaharpfest.gal, no que se atopará o formulario de solicitude pertinente. O gañador do xurado darase a coñecer antes do 15 de febreiro de 2024.

Beatriz Cortesão e Maximino Zumalave, coa RFG na estrea mundial de Hibrys

No marco da décima edición do Noia Harp Fest, que se celebrará do 3 ao 6 de agosto, celebrarase a estrea da peza gañadora da primeira edición do Portus Apostoli: Hibrys, do compositor hispano-arxentino Alejandro Civilotti. A praza do Tapal acollerá na noite do 5 de agosto, a partir das 21:30 horas, a primeira interpretación que se faga da obra. Chegará da man da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do galego Maximino Zumalave (Santiago de Compostela, 1956), e contará coa arpista portuguesa Beatriz Cortesão (Coimbra, 1998), membro da European Union Youth Orchestra (EUYO), como solista.

Ademais da estrea absoluta de Hibrys, o público asistente ao Noia Harp Fest poderá gozar dun concerto extraordinario no que a Real Filharmonía de Galicia interpreterá outras dúas composicións: o Oratorio de Pascua (1º, 2º e 3º movemento) de Johann Sebastian Bach, e a Sinfonía no.5 en do menor, op.67, de Ludwig van Beethoven.

10º Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é o o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. No seu cartel conflúen artistas de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. Bandas e solistas como Laoise Kelly, The Pozzies, Müsgo, SondeSeu ou Dilles Chabenat e Daniela Heiderich, entre outras, participarán na décima edición do NHF, que terá lugar do 3 ao 6 de agosto de 2023. Todos os concertos serán de entrada libre e celebraranse en espazos emblemáticos da vila de Noia, como é o caso da praza do Tapal, da igrexa Santa María A Nova ou do Teatro Coliseo Noela.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...