O fume dos incendios de Canadá chegou a Galicia tras percorrer miles de quilómetros nas capas altas da atmosfera, aínda que só xera unha redución lixeira da visibilidade sen afectar á calidade do aire, segundo explicou Carlos Otero, meteorólogo de Meteogalicia.
O experto en meteoroloxía sinalou que os incendios “moi intensos”, como os que afectan a Canadá, son “capaces de elevar o fume a niveis altos da atmosfera” e, nesas capas, unha corrente de aire en altura, o ‘jet stream’, é capaz de “trasladar” esa nube miles de quilómetros.
Entre Canadá e Galicia hai máis de 5.000 quilómetros, unha distancia que lograron completar as partículas procedentes dos incendios canadenses.
O modelo CAMS, que proporciona predicións de calidade do aire sobre Europa, reflicte a chegada á Península Ibérica desas partículas que son “moi finas e mantéñense en suspensión moito tempo”, afirma Otero.
O domingo comezou a detectarse o fume dos incendios, este luns será o día de maior concentración e tamén parte do martes, segundo Meteogalicia.
“Provoca unha redución lixeira de visibilidade, a sensación de ambiente turbio, como de calima, pero non hai po sahariano senón concentración de fume”, indica o meteorólogo.

Corrubedo. Meteogalicia



