O alumnado de Boiro reclama un futuro máis limpo e pon o foco na crecente (e preocupante) problemática das cabichas

19 Xuño 2023


O Foro Ecolóxico de Boiro, en colaboración co IES A Cachada, leva meses colaborando para poñer en marcha un proxecto de difusión social e ambiental no concello.

As orixes desta iniciativa cómpre situalas nas charlas informais levadas a cabo entre as socias do Foro Eco-lóxico de Boiro a conto da crecente preocupación compartida polo incremento imparábel lixo tirado por todas as contornas do municipio: montes, praias, rúas, e todo tipo de espazos públicos contaminados e ensuciados a diario por un desapego e falta de conciencia por parte da sociedade cara ao planeta Terra, e o futuro das persoas e seres vivos que a habitan.

“Dende candeas de aniversario en parques públicos, ata refugallos de lixo que, por mor do mal estado dos contedores, acaban voando ata montes e praias”, explican dende o Foro enumerando o tipo de refugallos na natureza cos que nos podemos atopar cada día, engadindo que entre todos estes residuos “destaca un moi cotián pero moi pequeno que, cun simple xesto automático e inconsciente, acaba no chan causando unha gran contaminación durante anos: as cabichas (e, polo xeral, a caixa de cigarros e o plástico protector, rematan tamén no chan, no canto de nos contedores)”.

Esta preocupación do lixo creado e a continua contaminación que o ser humano exerce sobre a
Terra, levou ás integrantes do colectivo a pensar nas futuras xeracións, “xa que son elas sobre quen máis directamente repercutirán todas estas accións presentes”, engaden dende o foro, cuxas integrantes comezaron a idear posíbeis actividades para implicar e concienciar á rapazada sobre a importancia de depositar o lixo correctamente nos contedores e alertar das graves consecuencias que terán estes xestos nos seus futuros.

Con esta convicción de que “deben ser as novas xeracións as que guíen o camiño a seguir, e o fagan un xeito activo”, as socias puxéronse en contacto cos centros de ensino secundario de Boiro para traballar nun proxecto colaborativo e poñer en marcha unha campaña de concienciación arredor das cabichas.

A proposta foi moi ben acollida polo profesorado, destacando o caso particular de Gloria, mestra de bioloxía no IES A Cachada, que foi quen comunicou ao alumnado do centro a chamada de axuda que se facía dende o Foro. A mocidade púxose entón mans á obra para redactar trípticos informativos e fabricar cabicheiros para repartir no municipio.

“Todo isto”, explican tamén dende o Foro, “verá a luz nuns poucos días: nas vindeiras semanas trípticos e cabicheiros serán repartidos polos principais puntos do municipio buscando así eespertar conciencia de toda a vila para coidar do medio ambiente e traballar por un futuro máis limpo e seguro”.

Outros artigos

Boiro acolleu unha nova edición do encontro Xeografía Empresarial

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) acolleu este venres 9 de outubro un novo encontro do proxecto Xeografía Empresarial, que reuniu en formato almorzo e con aforo completo a representantes de 55 empresas para reflexionar sobre o presente e o futuro da industria e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.