
Máis de cen estudantes de diferentes espazos educativos, entre eles o do IES Campo de Santo Alberto (Noia), solicitaron este martes, 6 de xuño, no Parlamento galego o compromiso que garanta o cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) no 4, sobre o dereito á educación inclusiva, equitativa e de calidade. A iniciativa corresponde ao acto principal de incidencia da Campaña Mundial pola Educación (CME) – Galicia que, en 2023, leva por lema “A educación transformadora con perspectiva de xénero” e conta coa colaboración de once centros adheridos.
Neste senso, representantes de colexios, institutos, centros de formación, Universidade e espazos de educación non formal tomaron a palabra no hemiciclo para reflexionar sobre as condicións educativas en España e Galicia e para solicitar aos deputados e deputadas a súa colaboración para garantir o acceso igualitario á educación. Para elo requiriron o seu compromiso non só na Comunidade Autónoma, senón tamén en países empobrecidos onde non se garanten os dereitos á educación das persoas, especialmente das nenas.
A voceira da CME Galicia, Mónica Viqueira explicou durante a súa intervención, que “a educación é un dereito que pode cambiar as vidas das persoas, porque rompe co círculo da pobreza, porque reduce as desigualdades e porque proporciona ferramentas para loitar contras as inxustizas da vida.”
Apuntou ademais que, malia que en Galicia, o acceso á educación está garantido, “aínda son moitos retos que están por diante para garantir que a ensinanza sexa equitativa e inclusiva.”
Urxencia global e necesidade local
O estudante da carreira de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Carrera fixo fincapé na capacidade de mellora no ámbito autonómico e nacional sinalando que “o 90% das aulas das Facultades de Educación son mulleres, o 97,7% das prazas de Educación InfanƟl están ocupadas por mestras, pero só o 42,9% son profesoras universitarias”.
Na mesma liña se pronunciaron as estudantes do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), Aroa
Ouzande e Antía Martínez, que puxeron de exemplo o sector socio sanitario como “un dos sectores profesionais máis feminizados, onde máis do 85% das persoas que traballan nel son mulleres en condicións de salario precarias”.
Desde o ámbito rural, tamén se fixeron algunhas reflexións, como a do Centro de Desenvolvemento
Rural o Viso (Xinzo de Limia), representado por Xiana Pozo e Jeremy Giovanni, que preguntaron
polo investimento na ensinanza rural galega. Do mesmo xeito transcorreu a intervención de Marco López e Laura Taboada do CEIP Bragade (Oza ‐ Cesuras), que sinalaron que o rural supón o 26% da poboación total, polo que solicitan mellores infraestruturas e comunicacións nestas zonas.
Desde o FEC San José de Lugo, Yago González e Jimena Morán tamén demandaron aos representantes políticos levar máis aló das grandes urbes maiores programas formativos de carreiras e profesións tecnolóxicas.
Escolas libres de desigualdades
Mariña Vázquez e Valeria Fondo, do CEIP Labarta Pose (Zas), apuntaron a necesidade de ofrecer
maior formación ás familias en materia de igualdade. Unha achega que tamén fixeron Alejandra
Arnoso e Nuno González, do CPI Virxe da Cela (Monfero), que propuxeron a colaboración familiar nas tarefas do fogar como medida para evitar a sobrecarga de responsabilidades nas nenas e mulleres.
Pola súa banda, as Casas da Xuventude de Oleiros, tamén pediron maior formación do profesorado un mellor cumprimento dos protocolos de actuación. Mentres, Giovana Fernández y Fátima Braña do IES Campo de Santo Alberto (Noia), apelaron á solidariedade do goberno para defender o dereito igualitario á Educación en países en situación de pobreza.
Respecto polo medio ambiente Os conflitos bélicos e os desastres naturais provocados polo cambio climático, fixeron que milleiros de nenas non puidesen comezar o actual curso escolar, por ter que colaborar nas tarefas básicas do fogar como a procura de alimento ou auga. Neste senso, parte do alumnado que participou na sesión parlamentaria da Campaña Mundial pola Educación – Galicia, reivindicou un maior coidado da contorna.
Alicia Alvite e Luzdivina Vasilev do CEIP Víctor Sáez (Mazaricos), instaron aos representantes
políticos a manter un firme compromiso cos “colectivos máis vulnerables, para evitar que os
desastres ecolóxicos obriguen as nenas á quedar na casa”. Así mesmo se referiron desde o CEIP
Milladoiro (Malpica), Leo Cousillas e Candela Lema, que apelaron a reciclaxe e a protección do
medio como medidas preventivas de discriminación social.
Representación política e institucional
Á sesión, presidida polo presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices , tamén acudiu o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero e deputadas dos tres grupos parlamentarios.



