A subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas, e o xefe da Demarcación, Rafael Eimil, estiveron este 13 de xuño en Boiro para comprobar o desenvolvemento do proxecto estatal destinado a achegar estabilidade ao borde litoral da praia de Mañóns. Na súa estadía estiveron acompañados polo alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luis Ruiz.

Segundo explicaron, as actuacións teñen como finalidade “evitar a continuidade da regresión que se viña producindo na zona costeira da praia co esboroamento dos taludes e a arboreda do piñeiral”. Para iso colocáronse uns bloques que foron retirados dos peiraos da Ribeiriña que se están a desmontar para facer un efecto barreira.
Tamén fixeron saber que dende o inicio do proxecto quedou clara a necesidade de dar vida útil a elementos xa existentes: “A reutilización de materiais é un exemplo de actuación sustentábel e de economía circular que permite reducir custes”, explicou María Rivas, engadindo que “a de Mañóns é unha desas pequenas actuacións que nos permiten dignificar espazos que estaban a sufrir, co paso do tempo, a erosión do mar e que, a través dunha iniciativa que implica a reutilización dos peitorís, vai protexer a zona e posibilitar outros usos”.

Sobre os ditos bloques colocáronse uns listóns de madeira que funcionan a modo asento para as persoas usuarias da praia. Unha actuación que ascendeu a un importe de 25.000 euros.
Durante a visita a Mañóns o alcalde tamén anunciou o proxecto no que se está a traballar para o mantemento e consolidación da senda litoral da praia da Ladeira do Chazo. “Un proxecto dun importe de 180.000 euros e que ten o obxectivo de rexenerar e protexer o borde litoral da praia”, recoñeceu o alcalde.



