Coa chegada do verán, os concellos preparan actividades de lecer para desfrutar da tempada estival. Así, a Concellaría de Turismo da Pobra do Caramiñal volve anunciar as súas xornadas de turismo mariñeiro, que botaban a andar en 2017 coa colaboración da asociación Mar da Pobra. As ditas sesións permiten que as persoas participantes se poñan na pel dos/as profesionais do marisqueo de a pé, coñecer os recursos marisqueiros presentes no litoral pobrense e os aparellos que se empregan para a súa extracción. De carácter lúdico e formativo, esta proposta que nos dous últimos anos se diversificou facéndoa tamén extensiva ao período lectivo con obradoiros dirixidos en exclusiva aos centros de ensino de toda Galician. A concelleira do Turismo en funcións, Charo Varela, explica que se prosegue así na liña da difusión e de pór en valor a tradición mariñeira, o oficio da xente do mar e a materia prima de calidade para a nosa gastronomía.
Estas visitas-experiencia dividiranse entre a praia dos Areos e a dos Raposiños en función da marea nos vindeiros dous meses. As datas elixidas son o xoves 13 e o venres 21 de xullo, así como os martes 1, 8, 22 e 29 de agosto. A dinámica será a habitual: iniciarase cunha charla informativa para despois constatar na praia todo o exposto.
O prezo desta actividade, que inclúe un receitario e unha viseira, establécese nos 12 euros por persoa adulta e será de balde para menores de 10 anos. Deberase efectuar a reserva con anterioridade a través dunha das seguintes canles: de maneira presencial na oficina de información turística (Casa Mariñeira da Pobra), por vía electrónica mediante o enderezo turismo@apobra.gal, ou nos teléfonos de contacto 671090262, 687482835 ou 981843280 (marcando a extensión 2035).




