O Concello de Ribeira prohibiu novamente as cacharelas de San Xoán en todas as praias do termo municipal. Ao mesmo tempo, terá aberto até o 20 de xuño o prazo para conseguir o permiso de facer lumes en solo público municipal (poderán prenderse dende as 18.00 da tarde do día 23 e deberán estar apagadas antes das 6.00 da madrugada da seguinte xornada). No bando municipal relativo á festividade, a concelleira Mariola Sampedro indica que “poderanse facer fogueiras para sardiñadas, asadores e semellantes en terreos privados do chan urbano, de núcleo rural e urbanizábel, cando conten con persoal suficiente para o seu control”.
Pola contra, e tal e como sinalamos ao comezo, non se permitirán en ningún areal do municipio, e para facelas nas súas proximidades será preciso que conten coas autorizacións das administracións competentes, dependendo da localización, xa sexan a Demarcación de Costas do Estado en Galicia; a Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Portos de Galicia ou outras.
Tamén estarán prohibidas en solo forestal ou da súa influencia, así como nos restantes espazos incluídos no ámbito de protección de Dominio Público Marítimo-Terrestre, “exceptuando as tradicionais festivas con autorización da administración competente”; e tamén en espazos naturais protexidos, agás en solo urbano e de núcleo rural, en parcelas pechadas e con abastecemento de auga.
As solicitudes de autorización para celebracións festivas en chan público de titularidade ou xestión
municipal e outros espazos públicos deberanse presentar preferente a través da sede electrónica do Concello de Ribeira, e, opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial no rexistro municipal. “