A primeira hora do luns día 26 foi detectado polo persoal da Confraría de Noia, un exemplar de arroaz morto dentro do porto noiés de Testal.

Nun primeiro momento os membros da confraría pensaron que se trataba de Confi, vello coñecido da nosa comarca, pero a identificación do sexo do exemplar aboiando (que era femia) permitiu desbotar de que se tratase do seu corpo, xa que Confi é macho. Pouco despois das 9:00 h da mañá o arroaz Confi foi detectado no porto do Freixo descartando toda sospeita.
Os equipos de especialistas da Rede de Varamentos de Galicia, xestionada pola CEMMA, desprazáronse até Testal para verificar a autoría do corpo e indagar sobre as causas da morte. Alí puideron comprobar que o cetáceo morto tratábase dunha femia adulta, en período de lactancia, de arroaz, Tursiops truncatus. Tamén verificaron que a morte fora recente e que presentaba signos de enfermidade, aínda por determinar. Os equipos recolleron datos e mostras para desvelar a causa do falecemento a través de analíticas específicas.

Recomendacións con respecto a Confi
Dende a CEMMA fan as seguintes recomendacións con respecto a Confi:
“Por moi solitario que estea o arroaz Confi temos que lembrar que é un animal salvaxe, especie protexida como vulnerábel na listaxe de especies ameazadas, e ao que temos que respectar e darlle a máxima tranquilidade posíbel. Pode ser observado dende a costa, observalo acompañando unha embarcación, etc., mais debemos manter sempre unha distancia prudencial necesaria para a seguridade de ambos.
O contacto cun cetáceo pode ter consecuencias directas no relativo á seguridade física e de saúde. Os humanos poden causar danos na súa pel coas uñas, aletas ou outros elementos duros que estean en contacto. Os arroaces son animais moi grandes, estímase un peso de 300 kg, e son moi fortes polo que mesmo poden golpear involuntariamente. Ao ser mamíferos podemos contaxiarnos enfermidades pulmonares e epidérmicas no contacto directo”.
A CEMMA lembra tamén que se atopa en contacto permanente coa Gardería de Medio Ambiente da Xunta de Galcia, coa Axencia Ambiental do Ministerio de Transición e coa Gurdia Civil para preservar a seguridade do arroaz. Non dubidará en realizar denuncias sobre as malas prácticas.

A Rede de Varamentos
A Rede de Varamentos de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, mediante o proxecto Revargal que é financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.



