
A frota de ILCA 4 durante unha das probas disputadas este sábado. © Clara Giraldo.
Segunda e intensa xornada de competición na ría de Arousa. A Semana Galega dá Vela reuniu este sábado a máis de 140 regatistas coa entrada en xogo das clases ILCA 6, 420 e Vaurien, que se unían ás que estrearon marcadores o venres para sumar os seus primeiros parciais no campo de regatas.
Do mesmo xeito que na xornada inaugural, o vento e as altas temperaturas non puxeron nada fáciles as cousas tanto á frota como ao Comité de Regatas ao comezo do día. Cunha suave brisa de compoñente norte, os Optimist escoitaron o primeiro bocinazo de saída ao redor das once da mañá, pero as condicións non se mantiveron o suficiente e o Comité izaba a bandeira de aprazamento pouco despois de comezar a proba.
Finalmente, tras unhas dúas horas de espera en terra, Eolo cumpriu coas previsións e a frota puido arrincar a competición pasadas as dúas da tarde cunhas condicións de entre seis e once nós de vento do suroeste.
Na clase Optimist a viguesa Sara Reboredo do Real Club Náutico, que partía desde a segunda posición da táboa, non deu opción aos seus rivais e anotouse as dúas vitorias postas en xogo este sábado, logrando situarse como nova líder da xeral. Por detrás, o segundo posto ocúpao agora Alejandro Alonso, tamén Náutico vigués e terceiro é Pablo Gago do Real Club Náutico da Coruña.
Outras dúas probas completaron os regatistas de ILCA 4, división na que segue mandando Fernando Campos do Club Marítimo de Canido cun sexto e un primeiro anotados hoxe. Séguelle de preto, a tres puntos, Pablo Marquina do Monte Real Club de Iates e terceiro é Miguel Rodríguez de Canido. En Mulleres, a primeira é de momento Jimena Crespo, que navega tamén baixo a grímpola do Marítimo de Canido.
En ILCA 6, tres regatistas do Real Club Náutico de Vigo estrearon o podio provisional. Con dous segundos postos anotados e unha vitoria, Guillermo Rodríguez de Jesús colócase á fronte da xeral con tres puntos de vantaxe sobre Pedro Martínez e seis sobre Tiago Veciño, segundo e terceiro respectivamente.
A frota de 420, pola súa banda, estivo dominada por Pedro Casas e Pablo Barreiro. Os regatistas do Real Club Náutico de Sanxenxo sumaron tres vitorias de tres posibles e colócanse como favoritos ao título da regata que organiza a Real Federación Galega de Vela. No segundo caixón sitúanse provisionalmente Andrés Gago e Luís Wizner do Real Club Náutico da Coruña e Vigo respectivamente e terceiras son Marta da Porca e Inés Ameneiro, que navegan representando ao Club Marítimo de Panxón e ao Real Club Náutico de Vigo. Marta e Inés son tamén as primeiras na clasificación feminina.
Máis rifada estivo a xornada entre a frota de Vaurien. Nacho Campos e Yolanda Bastos do Club Deportivo Alagua son os primeiros líderes da xeral acumulando dous primeiros e un terceiro na súa marcadora. Por detrás, a só dous puntos sitúase a tripulación do Real Club Náutico de Rodeira formada por Pedro Fernández e Carolina Iglesias, e terceiros son Nicolás González e Martín Pérez do Náutico de Vigo.
Mañá domingo, terceira e última xornada de regatas na ría de Arousa co primeiro bocinazo de saída programado para as 11:00 horas. Todo apunta, ademais, a que a frota contará con boas condicións de vento desde primeira hora da mañá.
A entrega de trofeos celebrarase ás seis e media da tarde como broche final para unha das citas máis importantes do calendario de regatas do Centro Galego de Vela.



