A ABE (Asociación Boirense de Empresarios) organiza esta finde, o sábado 10, unha nova edición da Noite Aberta, unha actividade directamente encamiñada á dinamización do comercio local, a través dun amplo e completo programa de actividades de promoción, festivas e de lecer. A Noite Aberta da ABE contará unha vez máis coa colaboración do Concello. O programa foi debullado este 7 de xuño o presidente da patronal, Daniel García, e máis o alcalde José Ramón Romero.
Segundo informaron, durante todo o día haberá descontos, sorteos, agasallos e actividades na rúa coa ruleta da sorte, inchábeis e animación itinerante. Participan nesta iniciativa 30 negocios que estarán sinalizados con bandeirolas rosas e que ofrecerán descontos durante toda a xornada e realizarán actividades especiais como degustacións, sorteos de vales de compra, reparto de agasallos, premios directos en compras, actuacións…

Ao abeiro da Noite Aberta, a ABE vai instalar na rúa peonil a súa ruleta da sorte entre as 18.30 e as 21.30 horas na que, as/os clientes que realicen as súas compras durante a xornada do sábado, terán posibilidade de acadar premios directos como bolsas de algodón orgánico, colgantes para móbil, lambetadas, mochilas ou xoguetes. Ademais na ruleta haberá 3 premios de 50 euros en bonos ABE.
Os negocios participantes entregarán aos seus clientes coas súas compras invitacións para que os cativos poidan desfrutar dos inchábeis que, durante toda a xornada, estarán instalados na praza de Galicia. Estes convites poderanse conseguir tamén na ruleta da sorte, nos postos do mercado ecolóxico e nos obradoiros do día de tecer en público que se instalarán na Praza do Centro Social de Boiro.
Durante toda a xornada haberá animación itinerante nas rúas comerciais da vila e os inchábeis da praza de Galicia, que están financiados polo Concello de Boiro mediante a subvención para a Modernización do Centro Comercial Aberto de Boiro de fondos Next Generation UE.
Mercado Eco-lóxico
Durante toda a mañá na praza da Terceira Idade (Centro Social de Boiro).
Postos de artesanía e horta local.
Día mundial de tecer en público
Entre as 10.00 e as 20.00 horas na praza da Terceira Idade.
Obradoiros gratuítos: Iniciación ao crochet e calceta, Fai da túa vella camiseta un bello bolsa. Organiza: Tecedoras do Barbanza.
Inchábeis
En horario de 12.30 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.30 horas na praza de Galicia.
Animación de rúa
Pequenos do Barbanza, de 11.30 a 14.00 horas
Circo Pistacatro, de 20.00 a 21.30 horas.



