
Preto de 300 persoas participaron en Boiro na VIII edición da Andaina Solidaria de CONGALSA, unha iniciativa benéfica promovida anualmente pola empresa, co obxectivo de recadar fondos e alimentos para diferentes ONG do Barbanza.
Os participantes, maioritariamente traballadores da compañía alimentaria (pero tamén familiares, amigos e entidades colaboradoras) saíron ás 10.00 h. da Lonxa de Cabo de Cruz para realizar un percorrido circular a pé de 10 quilómetros.
CONGALSA recuperou este ano a iniciativa na súa modalidade integramente presencial. “A xornada transcorreu nun excelente clima de compañeirismo, e queremos agradecer a Protección Civil e Policía Local do Concello de Boiro, a súa colaboración no desenvolvemento do evento”, indica Isabel Cañas, directora de Relacións Externas da empresa con sede na Pobra do Caramiñal.
A camiñada durou ao redor de dúas horas, cunha pequena parada na metade do traxecto na que se serviu bebida aos participantes. Ao finalizar o traxecto, no punto de destino, a empresa ofreceu uns petiscos a todos os que tomaron parte na iniciativa.
Para participar na andaina, cada participante achegou tres euros, en calidade de cota solidaria, e polo menos un quilo de alimento non perecedoiro.
Xunto a isto, aqueles que quixeron contribuír economicamente á andaina, pero non puideron desprazarse a Boiro, puideron adquirir o denominado dorsal 0.
“Nos próximos días, anunciaremos canto diñeiro e quilos de alimentos recadamos no marco desta iniciativa e a que ONG comarcais destinaremos o conseguido”, destaca Isabel Cañas.




