
«O fermoso, o louro, o xigantesco adolescente, seguía a falar co mulato e reclinado na borda estreitábao pola cintura. O outro ría ledamente: era un deses grumetes que semellan de pel amourada nas longas navegacións transatlánticas por rexións de sol. Estaba case nu, e con aquela cor quente de terracota tamén era fermoso. A Neña Chole apartou os ollos cun feminino desdén:
―Xa ves que non podía inspirarche celos!
Eu, libre de incertezas, sorrín:
―Ti debíalos ter…
A Neña Chole mirouse nos meus ollos, orgullosa e feliz:
―Eu tampouco.
―Nena, esqueces que se pode sacrificar a Hebe e a Ganimedes…
[…]
Lendo a ese amable Petronio, suspirei máis dunha vez lamentando que os séculos fixesen un pecado descoñecido das divinas festas voluptuosas. Hoxe, soamente no sagrado misterio vagan as sombras dalgúns escolleitos que fan renace-lo tempo antigo de gregos e romanos, cando os efebos coroados de rosas sacrificaban nos altares de Afrodita. Felices e aborrecidas sombras: chámanme e non podo seguilas! Aquel belo pecado, galano dos deuses e tentación dos poetas, é para min un froito hermético. O ceo, sempre inimigo, dispuxo que só as rosas de Venus florecesen na miña alma e, segundo vou envellecendo, iso desconsólame máis.»
[VALE-INCLÁN, Ramón del: Sonata de estío. Memorias del Marqués de Bradomín, 1903]



