
Antón Luaces.- Ía ser un día de protesta global, comunitaria, de sereas e buguinas que resoaran nos miolos do eurocomisario Sinkevicius e, polo acadado a ese “chamado de socorro” con escasa resposta en portos e caladoiros, foi unha protesta de pouco ruido.
Nun porto pesqueiro como e de Vigo, só se escoitou a buguina dun barco de pesca, aínda que sí houbo concentración de armadores. No de Ribeira, concentración de armadores e algúns tripulantes e mini-concerto de sereas dos pesqueiros atracados. En Marín e Cangas, concentracións. Nos de Burela e Celeiro, apoio moral decidido tanto en terra (nos portos) como no mar, con vídeos explícitos das pitadas durante as manobras de pesca. Na Coruña, nubes e un aquel de apoio sentido. Houbo sí, mobilizacións, pero en Fa menor en canto a zunido. Sinkevicius, o gran eurocomisario, tería unha noite en paz. Moita máis da que pasarían, ben seguro, os tripulantes e armadores das frotas para as que a Comisión Europea deseña un pano mariño con 87 bodoques nos que as embarcacións de arrastre de fondo non poderán pescar entre os 400 e os 800 metros de profundidade.

Mal que ben, a frota europea levou a cabo no mediodía deste martes unha protesta contra as políticas da UE que están a pór en xogo o futuro dun sector indispensable para Galicia e outras comunidades pesqueiras. A defensa que a frota comunitaria galega fixo non foi, de todos os xeitos, máis contundente pola hora e porque a inmensa maioría dos barcos están no mar. Sí se evidenciou o apoio á protesta das organizacións pesqueiras EBFA, Europëche e Cepesca convencidas, ao igual que as tripulacións, de que a pesca forma parte de Europa, da súa cultura e as súas tradicións.
Coa protesta, o sector amosa o seu malestar polos vetos e as restricións ás artes de pesca de fondo propostas pola Comisión Europea materializadas nun Plan de Acción -en proceso de revisión- que é máis ben un Plan de Inacción.
Un 9 de maio que, sendo o Día de Europa non é un día de celebracións para a pesca comunitaria, porque as comunidades pesqueiras -caso de Galicia- están a vivir das lembranzas, do clásico “tempos aqueles”, por non aplicar o contundente “tempos fugit”. Un Día de Europa para emitir unha chamada de socorro coa que facer que a Comisión de Pesca rectifique e poña ao eurocomisario Sinkevicius no curruncho de cavilar sobre o que significan os milleiros de quilómetros cadrados de caladoiros pechados á pesca de fondo e o 28% da frota pesqueira desaparecida nos últimos 20 anos a golpe de plans de accións deseñados por mentes en absoluto abertas á pesca da que moitos dos seus antergos viviron nunha Europa que nen era unida nen, moito menos, única. E que, agora que aparentemente o é, está a facer todo o contrario do que debería realizar para que esa unión e unidade se traduza en feitos.