Municipais 2023: O PBBI móstrase disposto a negociar e a dialogar para “cambiar o rumbo de Ribeira”

30 Maio 2023

O portavoz do Partido Barbanza Independente (PBBI), Vicente Mariño de Bricio, reuniu este luns 29 pola noite a todo o seu equipo para valorar o resultado das últimas eleccións, onde a agrupación acadou 5 actas, constituíndose desta volta como a terceira forza política do municipio, empatada co BNG (segunda). O candidato destacou que malia que a perda de dous concelleiros (nos anteriores comicios lograron 7 actos) “foi un bo resultado pois os electores que depositaron o seu voto ao PBBI, deixaron claro que non querían seguir cun goberno do señor Ruiz”. Mariño destacou tamén que os votantes “valoraron positivamente o seu labor de oposición”, e a súa confianza neste partido “como alternativa de cambio”.

Mariño indicou que agora “son outros os que teñen que decidir se de verdade queren cambiar o rumbo de Ribeira tal e como o manifestaron”.

O voceiro enumerou que hai unha chea de cuestións que xustifican esta nova dirección, e “o resto de grupos deberían analizar estas cuestións”. Mariño sinalou tamén que “existe alternativa”, e que esta alternativa quere poñer de manifesto que “Ribeira non é o que opina unicamente o señor Ruiz”, que as políticas do actual alcalde e o seu equipo “son de amedrentar á oposición” e que as estratexias locais “non se poden basear na imposición de criterios, desbotando as demais propostas”.

Tamén criticou ao Goberno actual polo que cualificou de “política de malgasto e de esquecemento das parroquias”. Indicou que a forma de actuar do Executivo ribeirense “viuse reflectida na mesma xornada electoral menosprezando a compoñentes da lista do PBBI”. Mariño indicou ademais “que a forma de pensar e ver Ribeira non é propiedade do actual Goberno municipal, pois en número de votos son máis os que son contrarios ao rexedor e ao seu equipo”.

Mariño dixo que “unha vez escoitadas as intervencións dos vinte e oito compoñentes da lista electoral” os membros do PBBI decidiron estudar alternativas de goberno municipal “en coherencia co discurso da agrupación”, para “o que están dispostos a sentarse a negociar cos que queiran de verdade un cambio en Ribeira”.

Mariño deixou claro que “calquera apoio ao señor Ruiz sería unha traizón ao noso discurso e aos nosos votantes”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...