A Casa do Concello de Ribeira acolleu este mércores 3 de maio unha reunión do alcalde, Manuel Ruiz, con representantes da empresa Monbus e da Xefatura Territorial de Mobilidade e usuarios afectados polo transporte urbano coa fin de tratar de mellorar este servizo.
De resultas da mesma, o Concello mostrou a súa disposición a asumir o custe dos trasbordos no transporte en autobús, ben cara ao Hospital ben cara a outros sitios, “en tanto non asuma a Xunta ese compromiso”. A este respecto, a intención do Executivo local é “ampliar o convenio en vigor polo que se están a subvencionar xa máis de 165.000 viaxes no termo municipal”.
Outro dos temas abordados foi o de adaptar o servizo de tal xeito que os pacientes poidan chegar con tempo ás horas nas que se realizan as análises tanto no Hospital da Barbanza como no Centro de Saúde de Ribeira.
Asemade, clarificáronse aspectos relacionados coa limpeza dos vehículos e coa utilización baixo demanda do transporte urbano por persoas con discapacidade.
A preguntas dos medios, o alcalde expresou a súa unha esperanza de que esta reunión dea resultados satisfactorios no “obxectivo de mellorar o servizo en Ribeira”.