O Concello de Boiro sacou a licitación as actuacións para a mellora da iluminación no Polígono Industrial de Espiñeira. As actuacións atópanse ata o 9 de xuño en período de presentación de ofertas na Plataforma de Contratación do Sector Público.
O proxecto, que ascende aos 59.510,15 euros, ten como finalidade “a substitución das luminarias de alumeado público e o seu cambio a LED co obxectivo de unificar a iluminación do Polígono e lograr unha maior eficiencia enerxética”.
Fontes do Concello explican que “nos últimos anos comezouse co cambio de luminarias pero aínda quedan algunhas que son de vapor de sodio e que contan cun algo consumo enerxético”.
Como dixemos, as actuacións que se pretenden executar contemplan a mellora das infraestruturas viarias no interior do parque empresarial de Espiñeira, dotando ao mesmo de iluminación pública de tecnoloxía LED máis eficiente dende o punto de vista enerxético e unificar a iluminación instalada no parque empresarial.
Para acometer estas actuacións o Concello de Boiro conta co financiamento da Consellería de Economía, Industria e Innovación mediante unha subvención destinada á habilitación e mellora dos parques empresariais de Galicia.