O Salón de Plenos da Casa Consistorial de Boiro acolleu este xoves 11 de maio aos nadadores e nadadoras do Club de Natación que lograron o ascenso a Primeira División Galega. O alcalde, José Ramón Romero; a concelleira de Deportes, Dores Torrado; o presidente do club, Rafa Pérez; o director técnico, Carlos Brión; a directora de Relacións Institucionais de JEALSA, Marga Hermo; e a representante de Clinica Dental Rebeca Ozores, Antia Romero; asistiron á recepción.

O rexedor destacou o mérito dos nadadores e nadadoras e animounos a continuar neste camiño: “Estes logros que acadastes son magníficos, pero máis importante son a disciplina e os valores que o deporte vos dá e que vos servirán para o voso futuro”.
Pola súa parte Dores Torrado quixo destacar os grandes resultados “que son froito do voso esforzo, pero tamén do traballo da directiva e da implicación das entidades”.

“Os rapaces deron o máximo o sábado, pero detrás deste ascenso hai un gran esforzo. Traballando duro é como se conseguen estes resultados”, afirmou o presidente do Club de Natación, Rafa Pérez. Pola súa parte o director técnico, Carlos Brión, destacou o esforzo diario dos nadadores e animounos a seguir nesa liña xa que “aínda nos quedan retos por diante e agora temos que traballar pola permanencia”.
Tamén participaron na recepción as principais empresas patrocinadoras. Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de JEALSA afirmou que “o ascenso foi esta fin de semana pero vós xa erades de primeira. A disciplina que vos dá o deporte é o que vos vai axudar a medrar como persoas e facer sociedades mellores”.
Antia Romero, de Clínica Dental Rebeca Ozores, trasladoulles a gratitude con este ascenso: “Parabéns por este ascenso, que é o noso orgullo, pero tamén pola contribución que dende o club facedes en ensinanzas e valores”.
