Lorenzana presenta en Boiro e Noia as novidades tecnolóxicas da Xunta para as oficinas de emprego

24 Maio 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou este mércores 24 de maio as oficinas de emprego de Boiro e Noia. Fíxoo co obxectivo de presentar os novos sistemas que este departamento da Xunta implantará no servizo galego de emprego, sistemas que forman parte dun proceso de modernización que, entre outras vantaxes, “permitirá mellorar o encaixe entre quen demanda traballo e o persoal que necesita o tecido produtivo”, sinalou a conselleira, poñendo o foco noutro dos retos perseguidos: brindar atención personalizada aos colectivos con maiores dificultades.

Lorenzana na oficina de Boiro, na compaña do persoal da mesma e do alcalde José Ramón Romero

Lorenzana incidiu en que “o Goberno autonómico está a fixar a atención nas persoas usuarias destas oficinas que presentan maiores problemas para atopar traballo”. Faráselles, tal e como lembrou,” un seguimento intensivo para que reciban atención personalizada grazas á nova rede de 136 profesionais, 4 destinados en Boiro e Noia, que veñen de asumir as tarefas de orientación e prospección laboral.

Estes orientadores, dixo, asumirán o desenvolvemento do novo programa de seguimento intensivo da demanda laboral, “para axudar e apoiar de xeito máis personalizado a usuarios inscritos no Servizo de Emprego de Galicia”.

A conselleira na oficina de Noia, co rexedor local Santiago Freire

Segundo engadiu, o programa porá o acento nas persoas que presenten as seguintes casuísticas: que teñan rexeitado unha oferta de emprego ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de formación; que leven máis de 5 anos de inscrición ininterrompida no Servizo de Emprego de Galicia sen acceder a un posto e que non teñan itinerario ou plan personalizado activo nos últimos 12 meses; as que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período dun ano; ou as que non se presenten a citas de orientación laboral nos centros colaboradores do servizo, sen posibilidade de contacto telefónico e carentes dun itinerario ou plan personalizado de emprego activo.

A titular de Promoción do Emprego, por outra banda, destacou a implementación, xa neste mes de maio e con carácter piloto en tres oficinas (Cambados, Pontevedra e Ordes), da nova ferramenta tecnolóxica EMI (Emprego Intelixente). Baseada na Intelixencia Artificial, permitirá axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público.

Tratarase, tal e como subliñou, de “aproveitar as posibilidades que brindan as tecnoloxías intelixentes e a analítica avanzada en prol da xeración de máis e mellor emprego en Galicia”.

A oficina de emprego de Boiro, situada na avenida da Constitución, e a oficina de Noia -delegada da primeira e sita na avenida República Arxentina-, rexistraron o ano pasado 11.668 e 3.546 citas respectivamente, cun total de persoas usuarias atendidas que supera as 15.200 no período.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...