JEALSA e Cruz Vermella de Boiro renovan o convenio de LudiEduca e fan balance dos dez anos do programa

A Asemblea Local da Cruz Vermella en Boiro e a empresa JEALSA renovaron o convenio de colaboración para o patrocinio de LudiEduca, proxecto que naceu en 2012 como experiencia piloto da organización solidaria e que, grazas á colaboración de JEALSA, na actualidade é unha realidade en 8 centros educativos de Boiro e a Pobra do Caramiñal.

Na aula, os nenos e nenas en idades comprendidas entre os 8 e os 9 anos, traballan temáticas diversas como a igualdade, a integración de persoas inmigrantes, a alimentación e os hábitos de vida saudábeis ou o medio ambiente, entre outras. Ademais, desenvólvense actividades de lecer e tempo libre fóra do centro educativo.

No marco do seu propósito de contribuír a mellorar a sociedade, JEALSA, a través do seu programa de RSC WeSea e Cruz Vermella continuarán colaborando no fomento de valores humanos na nenez, un feito que, salientaron, “contribúe ao desenvolvemento do individuo e á formación de cidadáns comprometidos e implicados coa sociedade”.

Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais da conserveira boirense manifestou que “o éxito deste programa, polo que xa pasaron máis de 1.300 nenos e nenas, é sen dúbida, froito do magnífico labor que os voluntarios e voluntarias de Cruz Vermella de Boiro onda o seu equipo profesional veñen realizando desde os inicios. E por suposto, tamén resaltar a implicación dos centros educativos por abrirnos as portas ao proxecto”, explicou.

Pola súa banda, a coordinadora da Asemblea Local de Cruz Vermella de Boiro, Natalia Romero, quixo agradecer á empresa o seu apoio, xa que “se non fose pola colaboración de JEALSA non tería sido posíbel estender o programa polo que lle estamos moi agradecidos, non só pola achega senón pola implicación que teñen no mesmo”.

Este ano, JEALSA e Cruz Vermella queren celebrar estes dez anos de LudiEduca organizando un fin de curso especial para os 205 nenos que este curso participaron no proxecto. Por iso o próximo 16 de xuño desenvolverán un evento no Pazo de Goiáns, en Boiro, que segundo contou Natalia Romero, “constituirá un paso máis nesa parte lúdica-educativa de LudiEduca organizando un fin de curso especial no que o máis importante é que os nenos e nenas se divirtan”.

No evento haberá participación de antigos alumnos de LudiEduca, hoxe xa novos universitarios, así como profesores e membros de Cruz Vermella local e provincial.