Fondo pesar en Ribeira. Falece ós 89 anos Manuel Ayaso

16 Maio 2023

Manuel Ayaso (Aguiño, 1934) faleceu a última hora deste luns aos 89 anos de idade. Facía varios meses que o seu estado de saúde era delicado.

O aguiñense emigrou a EEUU aos trece anos, levando unha formación básica e un mundo de tradicións galegas que caracterizarían o seu mundo pictórico. Alí obtivo unha bolsa na Escola de Newark (1953-1956), onde se aproximou ao debuxo, a pintura, a cerámica e a escultura. Nacionalizouse americano e incorporouse ao Terceiro Exército dos Estados Unidos en Atlanta, no que se ocupou do deseño de obras de teatro e baile. O Centro de Oficiais, con coñecemento do seu talento, asignoulle un estudo propio no que xurdiron as súas primeiras obras, que vendeu na Nova Galería de Nova York.

En 1959 realizou a súa primeira viaxe a España, e na súa visita ao Museo do Prado achou referentes e influencias para o seu traballo (Goya, Picasso, O Bosco, Leonardo…). Un ano máis tarde regresou a Estados Unidos e comezou a traballar coa prestixiosa galería neoiorquina Cober Gallery, obtendo o Premio Trubeck do Monclair Art Museum.

En 1963 foi bolseiro pola Fundación Tiffany, o que lle permitiu residir durante ano e medio en España e aproveitar para empaparse do universo artístico do Museo do Prado. Ao seu regreso foi fichado pola Forum Gallery, a súa actividade expositiva viuse intensificada nas décadas dos 70 e 80 e empezou a expoñer en importantes cidades de EEUU e Canadá.

Ao longo da súa traxectoria a súa obra incorporouse a destacados museos, así como a distintas fundacións privadas de EEUU, España, Israel, México e Sudáfrica.

Son moitos os museos que contan con obras súas: o San Francisco Museum of Modern Art, o Museo de Arte Moderna de Nova York (MOMA), o Whitney Museum of American Art, o Crystal Bridges Museum of American Art de Bentonville, o Worcester Museum, The Pennsylvania Academy of the Fine Arts, o University of Oregon Museum of Art, The Arkansas Arts Center, o Monclair Art Museum, a American Israel Foundation, The Slaten Memorial Museum, a University of Massachusetts, a Illinois Wesleyan University, The Butler Institute of American Art, o Centro de Arte Contemporánea (Compostela) e, por suposto, o Museo do Gravado de Ribeira e a casa da cultura de Aguiño.

Os restos mortais de Manuel Ayaso están a ser velados no Tanatorio Crematorio do Barbanza, desde onde partirá mañá, ás 18.15 horas, o cortexo fúnebre rumbo ao cemiterio municipal de Ribeira, para o enterro. O xoves, ás 19.30 horas, oficiarase un funeral na igrexa parroquial de Santa Uxía

Manuel Ayaso tras o seu nomeamento pola Corporación como Fillo Predilecto de Ribeira, acto que tivo lugar en primeiro lugar no salón de plenos do consistorio, onde a artista e amiga de Ayaso, Eva Veiga, debullou os méritos que o avalan e tivo lugar a entrega por parte do alcalde do diploma que o acredita como Fillo Predilecto segundo decisión en pleno extraordinario do 10 de xaneiro de 2022.

Actualmente o Museo de Artes de Ribeira ten unha mostra de Manuel Ayaso e Alfonso Costa na que recrean os estilos de Picasso. A mostra, que estará aberta ata xuño, forma parte do programa cultural específico deseñado por este museo en homenaxe ao artista malagueño. Nesta ocasión, Ayaso e Costa, a través das súas obras, recrean temas e estilos picassianos como a tauromaquia, o cubismo, o Guernica ou o circo, entre outros. 

Inauguración da mostra o pasado 12 de maio, no que xa non participou Manuel Ayaso

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...