A corporación municipal de Outes, reunida no pleno celebrado o 25 de maio, apoia por unanimidade, nunha declaración institucional, a iniciativa do alumnado de cuarto da ESO do IES Poeta Añón: homenaxear a Fernando Pessoa cun espazo público destacado do concello.
O alumnado presentou previamente perante os grupos políticos que forman o pleno do Concello a súa proposta de nomear un espazo público co nome do escritor portugués, quen, segundo as investigacións de Carlos Quiroga en Raízes de Pessoa na Galiza, era descendente dunha familia outense emigrada a Portugal.
A ascendencia de Pessoa serviu de pretexto para o alumnado indagar sobre a emigración galega a Portugal. Entre as conclusións extraídas, figura un enriquecemento cultural mutuo e recíproco: no proceso de integración a un novo contexto, a emigración galega non só asimilaría parte da cultura material e inmaterial da colectividade en que se insería, senón que, á súa vez, deixaría unha importante pegada nela de interese histórico e cultural. En relación con estes aspectos, o alumnado realizou un estudo dalgúns trazos que caracterizaron este fenómeno migratorio.
Desde as aulas, e para afianzar a súa petición aos grupos da Corporación local, editaron unha colección de vídeos breves para difundir estes contidos e completar o proxecto. Por tanto, a solicitude do alumnado será unha maneira de dignificar a memoria histórica e recoñecer, como aconsella a UNESCO, o patrimonio cultural inmaterial vinculado a toda a comunidade galega que tivo que partir a Portugal, ben por motivos políticos ou económicos, como foi o caso do poeta Francisco Añón ou como Caetano Dionisio de Lens, o elo de Pessoa con Outes.
Esta iniciativa naceu no mes de decembro encadrada no proxecto educativo De Outes a Lisboa con Fernando Pessoa, promovido polos departamentos de Lingua Galega e Historia dirixidos por Susana Álvarez e Maruxa Caamaño, co propósito de investigar a historia local e estimular a aprendizaxe por servizo. Foi, alén disto, inspirada no espírito da Lei Paz Andrade, que procura fomentar os vínculos coa Lusofonía mediante o impulso da lingua galega nun contexto internacional, tal e como se recolle no currículo educativo da ESO.
En Youtube xa foi subido un vídeo coa intervención do alumnado no pleno do día 27 de abril de 2023.
Tamén foi pendurara en Google a colección de vídeos deste proxecto.




