Éxito absoluto de público na estrea de O Camiño esquecido no Coliseo Noela de Noia

04 Maio 2023

Finalmente a estrea oficial (organizada pola Asociación de Concellos do Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia) da primeira parte de O Camiño esquecido, no Coliseo Noela de Noia, resultou ser un éxito de participación. Esta produción audiovisual, que recolle as evidencias documentais e patrimoniais sobre a historia e o trazado deste camiño de peregrinación a Compostela, non deixou indiferente ao público, que expresou a súa aprobación con numerosos aplausos.

Historicidade do Camiño

Segundo salienta a dita asociación, “a historicidade do Camiño quedou totalmente demostrada” tanto no documental, que dura 27 minutos, como durante coloquio técnico previo, no que participaron Sebastián Valverde, produtor do documental; Mario César Vila, arqueólogo e historiador; Sofía Baqueiro, arqueóloga e historiadora; e Marcial Rodríguez, arquitecto. Todos eles coincidiron e subliñar que “estamos ante un traballo colectivo e multidisciplinar” e tamén agradeceron “poder levar o timón na planificación do guión”. Sebastián Valverde adiantou que “xa se está a traballar na segunda parte, onde esperamos visitar os escenarios onde se atopan os documentos orixinais que dan fe á historicidade deste camiño”.

Ao mesmo tempo, o historiador e arqueólogo Mario César Vila destacou que nesta primeira parte “tratamos de sintetizar toda a información e presentar os feitos que fundamentan a historicidade deste camiño”. Neste sentido, o arquitecto Marcial Rodríguez, especialista nos camiños de Santiago, engadiu que “as evidencias documentais do Camiño a Santiago pola ría de Muros Noia está moi por riba doutros camiños oficiais e creo que hai una débeda histórica con este trazado. Merece estar na primeira división dos Camiños oficiais da Xunta”. Finalmente a arqueóloga e historiadora Sofía Baqueiro puxo o foco en todos os documentos descubertos e o que significa este traballo para o grupo de investigación: “Estes achados son os que iluminan o noso traballo”.

Ao acto asistiron os alcaldes e alcaldesas da ría (Noia, Lousame, Muros, Porto do Son, Rois e Outes). Ademais contou coa participación delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, quen destacou “o bo traballo que se está a facer, froito do cal temos este documental”, e as intervencións do alcalde de Noia, Santiago Freire, quen lembrou que “estamos ante un camiño marítimo que parte de ultramar a través do cal xa se pode obter a Compostelana” e que “estes resultados son mérito de todos”.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia (e alcaldesa de Lousame), Teresa Villaverde, quixo “agradecer aos predecesores o seu traballo” e subliñou que “este labor é un estímulo máis para conseguir o obxectivo que é a oficialización deste Camiño”. Neste percorrido, Villaverde lembrou dous feitos: “En 2019 a creación da Asociación e despois a recepción do deán da Catedral, coa sinatura do recoñecemento por parte de Arzobispado da Ruta Xacobea Ría Muros Noia a Santiago”.

O Camiño esquecido

O documental, unha iniciativa na que colaboran a Xunta de Galicia, o Xacobeo 21-22 e o Xeodestino Ría de Muros Noia, está dirixido e editado por Rafael Luís Méndez Peña sobre un guión de Ana Ponte. Recolle como se foi recompilando a diversa documentación necesaria para xustificar a historicidade e delimitación do trazado do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. Un traballo realizado por Marcial Rodríguez, Sofía Barqueiro e Mario César Vila, protagonistas da cinta.

O seu labor permitiu recompilar diversa documentación histórica: cartas fundacionais, diplomas, misivas, estudos previos, planos antigos… así como un conxunto de elementos que permitiron delimitar os camiños empregados polos peregrinos dende a ría de Muros Noia a Compostela ao longo da historia. Unha realidade que se contempla na arquitectura, nos topónimos e mesmo no propio urbanismo dos municipios que compoñen o Camiño: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago.

Entre esta documentación recollida no documental figuran a restauración do Portus Apostoli na Carta Fundacional da vila de Noia no ano 1168; a visita, vinte anos antes, da escuadra de Darmounth, con navíos ingleses, franceses e alemáns; ou as crónicas dos cruzados Arnolfo e Osborne que dan fe de que dende alí se levou a cabo unha ruta de peregrinación a Compostela. Tres séculos despois, nárrase a viaxe do comerciante veneciano Pietro Querini, que chega en 1431 ao porto de Muros e realiza unha peregrinación a pé ata o sepulcro do Apóstolo. Un século máis tarde, en 1524, hai referencia á chegada de cincuenta peregrinos franceses a Muros a través dunha carta do rei Carlos V, pedindo que teñan clemencia cos peregrinos apresados, e que está no Arquivo da Catedral.

A maiores, posteriores investigacións non recollidas en O Camiño esquecido, permitiron descubrir a existencia de dous textos históricos e inéditos do século XII que acreditan que a ruta de peregrinación a Compostela a través da ría de Muros Noia era coñecida e empregada polos Cruzados do norte de Europa que participaron no asedio de Lisboa no ano 1147. Trátase de dúas referencias atopadas en Turín (Italia) e Hannover (Alemaña) polo equipo conformado polo arquitecto Marcial Rodríguez e os historiadores e arqueólogos Sofía Baqueiro e Mario César Vila.

Outros artigos

Accidente de tráfico con catro persoas feridas en Outes

Accidente de tráfico con catro persoas feridas na AC-550, no punto quilométrico 63, en Outes Consorcio Provincial de Bombeiros Os bombeiros do parque Comarcal Provincial de Boiro foron alertadas esta tarde dun accidente de tráfico na AC-550, no punto quilométrico 63,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Carta a los visitantes” – Manuel Domínguez

“Carta a los visitantes” – Manuel Domínguez

Carta a los visitantes, viajeros, casi residentes, propietarios, que han decido pasar el verano o las fiestas en esta nuestra Barbanza. No me parece a mí adecuado llamaros turistas, pues quien viene un año, regresa al siguiente y el embrujo, el enamoramiento de estas...