As ANPA dos centros educativos do municipio de Ribeira esixen ao Concello o pago das subvencións que teñen pendentes de cobrar, así como a convocatoria urxente das axudas correspondentes ao 2022.
Durante a rolda de prensa que ofreceron ás portas da casa do concello, representantes dunha ducia de asociacións de pais puxeron de manifesto o seu descontento «non tocante ás axudas que en teoría son, ou deberían ser, convocadas anualmente para axudar ás asociacións á hora de realizar actividades extraescolares».
Argumentan que as axudas correspondentes aos anos 2018 e 2019 foron solicitadas e mesmo xustificadas polas entidades, pero nunca chegaron a resolverse e están por tanto pendentes de pago.
Ante esta situación, as asociacións soliciten ao executivo local que convoque un pleno extraordinario cando antes para aprobar os pagos que están pendentes e que publique as bases das axudas correspondentes ao 2022.
Pola súa banda a Administración ribeirense apunta que comprenden que as ANPA poidan ter motivos para estar molestas e, por iso, piden desculpas. Alegan que o asunto se complicou por mor da pandemia, «xa que houbo que derivar unha inxente cantidade de cartos a afrontar outras necesidades educativas». Indican desde o Concello que só en limpeza de interiores nos colexios houbo que incrementar o gasto en 80.000 euros.
Tamén sinalan no Concello que se quixo saldar as obrigacións con efectos retroactivos tanto no 2022 como no 2023, pero non foi posible xa que a proposta de orzamentos municipais elaborada polo goberno local non foi aprobada no pleno.

Remitida



