M.A.- O Rotogal Boiro Voleibol xa dispón de novo adestrador. Adrián Alves, capitán do equipo as últimas tempadas, abandona a práctica activa e converterase no novo técnico na campaña 2023-2024, na que o conxunto boirense militará na Superliga 2.

Adrián Alves posúe unha dilatada experiencia como adestrador e, durante os últimos anos, compaxinou o labor de líbero e capitán do primeiro equipo do Rotogal Boiro Voleibol coa de adestrador de equipos da base, coas que, ademais das tarefas de formación, participou en varios campionatos de España.
O Rotogal Boiro Voleibol competirá despois do verán na Superliga 2. O conxunto boirense non contará a próxima tempada co colocador Jaime Arjones nin o receptor de Gaby del Carmen, que xa anunciaron a súa marcha do conxunto da Cachada.



