O Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) e COMPAC renovaron a súa alianza para a celebración dos Premios ARQUITECTURA. Esta colaboración referenda o compromiso da empresa, líder no sector das superficies decorativas, cuns galardóns que teñen como obxectivo achegar os valores da arquitectura, o urbanismo e outras formas de exercer a profesión á cidadanía.
Durante a firma do convenio de colaboración, a presidenta do CSCAE, Marta Vall-llossera Ferran, mostrou a súa satisfacción por volver contar co apoio de COMPAC, unha empresa da que destacou o seu “compromiso coa innovación e a sustentabilidade, postas ao servizo do traballo dos arquitectos e arquitectas para atopar as mellores solucións arquitectónicas, adaptadas ás necesidades da sociedade”.
Pola súa banda, como patrocinador oficial dos Premios ARQUITECTURA, o CEO de COMPAC, Paco Sanchis, compartiu: “Un dos xestos máis interesantes desta edición, e coa que en COMPAC® sentimos máis identificados, é a fixación do Premio á Permanencia.
Este premio ancóranos de novo na crenza de que o perdurable no tempo é a base de aprendizaxe
para as xeracións futuras. Así o demostran as obras de grandes artistas, arquitectos, escritores, filósofos, … que forman parte do intelecto da nosa sociedade. Só aqueles materiais e obras realmente innovadores, disruptivos e modernos son os que permanecen”.
Tras a firma do convenio de colaboración, déronse a coñecer as 177 propostas seleccionadas de entre 429 recibidas para a seguinte fase dos Premios arquitectura. Esta selección, realizada polos Colexios Oficiais de Arquitectos e Consellos Autonómicos dentro dos seus ámbitos territoriais, reflicte a diversidade e calidade dos proxectos presentados, que van desde edificios residenciais e públicos ata paisaxismo,
urbanismo e obras de difusión e divulgación, entre outros.
Os Premios ARQUITECTURA mostran, a través da arquitectura e as actividades vinculadas, un panorama arquitectónico nacional enormemente fértil e plural capaz de reflectir a diversidade e riqueza das distintas culturas e territorios. As propostas seleccionadas destacan non só pola súa innovación e calidade, senón polo seu impacto positivo na sociedade e o medio ambiente.
Por iso, estas obras e propostas son achegas que merecen ser identificadas e sometidas á mirada e experiencia da cidadanía, en xeral. Desde o CSCAE e COMPAC, convídase á cidadanía para seguir de preto a evolución dos premios e descubrir as propostas que están a transformar a arquitectura e o urbanismo en España e o mundo, axudándonos a abordar os desafíos actuais desde a arquitectura e o urbanismo.
Propostas SELECCIONADAS
Once propostas seleccionadas polo Colexio de Arquitectos de Galicia pasaron á seguinte fase dos Premios Arquitectura, promovidos polo Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España e a firma Compac. Entre elas hai tres que se sitúan na comarca de Barbanza, concretamente dúas en Porto do Son e a outra, en Outes.
-Humanización dos rueiros de Nebra en Porto do Son
Categoría paisaxe e espazo público
José Carlos Seoane González
Os valores principais desta proposta son a recuperación do carácter orixinal do lugar e a
mellora da accesibilidade dos camiños desta aldea. A intervención pretende rescatar o
carácter orixinal, a través do debuxo xeométrico do curso da auga por medio da rúa,
deseñado a través de métodos construtivos artesanais por artesáns locais. Coa
utilización de materiais vinculados á contorna, de gran durabilidade como é o granito, –
silvestre Barbanza. No compromiso de mellorar a accesibilidade das vivendas desa aldea,
deséñanse unhas luminarias led que recuperan a calidade do espazo.

-Rehabilitación do Estaleiro Tradicional Ciprián. Outes
Categoría edificación
Iago Fernández Penedo e Óscar Fortes Dopico
O estaleiro tradicional de Ciprián foi construído a inicios do S.XX e durante máis de medio século
nas súas instalacións desenvolveuse o oficio tradicional da carpintería de ribeira, cuxas técnicas
construtivas están consideradas como ben de interese cultural (BIC) do patrimonio cultural
inmaterial de Galicia. Esta edificación enmárcase dentro do extenso conxunto de arquitecturas
sen arquitectos que compoñen o patrimonio marítimo da costa galega, que
durante décadas transformaron o bordo litoral dotando dunha identidade propia a un
territorio. O estaleiro tradicional de Ciprián, xunto ao da Barquiña, son os últimos testemuños
en pé dunha actividade produtiva que contou con máis de 22 instalacións na zona e que na
actualidade desapareceu case por completo. A súa rehabilitación como espazo expositivo e
espazo público multiusos supón a posta en valor dun pedacito da nosa historia e
garante a súa continuidade no tempo para as futuras xeracións.

-Acondicionamento do bordo portuario de Porto do Son
Categoría paisaxe e espazo público
Juan José Creus, Covadonga Carrasco López, Marcial Rodríguez Rodríguez, José Martín
Valladares Durán e Alberto Redondo Porto
Mellora esencial na vida dos habitantes dun pobo pesqueiro que perdera a súa
relación directa co mar, orixe da súa posición no territorio, historia e identidade. A obra
afronta con claridade a integración das persoas, favorecendo a súa convivencia, moi
deteriorada pola falta de planificación e os conflitos de uso xerados por actuacións
illadas. Conleva ademais unha carga cultural importante, relacionada coa materialidade, as
formas construídas tradicionais ou a memoria, recuperando a accesibilidade na súa dimensión
lineal de bordo (paseo) e transversal (extensión das rúas ata a franxa litoral), servindo de estímulo
ás distintas actividades produtivas, comerciais e sociais que conflúen no
lugar. Trátase de valores esenciais da Arquitectura e o Urbanismo que serviron para
dotar de cohesión unha contorna urbana degradada, con barreiras e non inclusivo.




