A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo na mañá deste martes 18 de abril un encontro cos representantes da Plataforma Contra os Vertidos da Mina de San Finx, cuxo cometido principal é loitar contra o baleirado da explotación mineira de Lousame e o subministro á ría de Muros e Noia das augas contaminadas xeradas polo dito baleirado. Pontón criticou que “logo da multitudinaria manifestación na comarca de Muros-Noia que se levou a cabo no pasado mes de febreiro, o Goberno do PP segue a facer ouvidos xordos e vemos que xa deron comezo as obras para levar adiante o vertido de 4 millóns de metros cúbicos de auga contaminada sobre a ría”. Pontón dixo que esta acción “pode ter un efecto devastador sobre a actividade pesqueira e marisqueira dun ecosistema único, do que viven miles de familias”. Mentres tanto, denunciou, “o PP do señor Rueda permite a unha multinacional seguir adiante cuns plans de vertidos representa un atentado medioambiental”. Pontón reafirmou o cometido do BNG coa defensa do sector pesqueiro e marisqueiro do Barbanza e instou a Rueda a que “deixe de poñer os intereses dunha multinacional con sede en Australia por riba dos intereses de miles de familias que viven da pesca e do marisqueo na Ría de Muros-Noia”.
Pontón engadiu “que o PP está poñendo en risco o futuro de Galiza e situándose do lado dunha multinacional mineira que opera en paraísos fiscais ao permitir que tire 4 millóns de metros cúbicos de auga contaminada con cinc, cobre e cadmio a unha das rías máis produtivas do País”.
Ademais, a portavoz nacional manifestou aos representantes da Plataforma que “o Bloque estará sempre do seu lado para defender o seu dereito a vivir do seu traballo, para defender o coidado do noso medio ambiente, e para defender que a riqueza natural de Galiza se poña ao servizo dos galegos e das galegas e non sexa un botín para que se enriquezan catro multinacionais mentres deixen destrución e contaminación ao seu paso”.
A portavoz nacional tamén alertou sobre a situación das balsas de residuos mineiros que cualificou como “unha bomba ambiental por estar completamente cheas e en moi mal estado”, sinalando que “mentres que a empresa á que lle corresponde non quere facerse cargo, o Goberno do PP e o Goberno do Estado desenténdense e miran para outro lado”.
“Fronte a un PP empeñado en poñerse do lado de quen quere aproveitarse de Galiza, o BNG vai estar sempre na defensa dos intereses dos galegos e das galegas. Por iso apoiaremos á veciñanza na manifestación convocada para o 29 de abril” concluíu.