
Cada vez son máis as voces de cidadáns que se erguen en Galicia en contra dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), placenta que envolve o feto parido polo Consello de Ministros do Goberno español para xustificar un embarazo consentido ao que deu pulo a eólica mariña para beneficio propio e sen que os partidos da oposición -agás honrosas excepcións- fixeran tal cousa: opoñerse.
Hai coma unha especie de tácito acordo PSOE-PP-VOX-Ciudadanos polo que calquera significativa manifestación contraria á instalación na costa galega de case unha vintena de polígonos de aeroxeradores é condenada de inmediato. É un anatema para aqueles que non queren ver a viga no ollo alleo, mais tampouco no propio. De aquí que non xurdan máis que esporádicas formulacións negativas a tal iniciativa que, de se producir, de inmediato se acalan polo poder dos votos, unha forza legal contra a que as formacións minoritarias non queren -ou non poden- contrastar sabedoras da súa escasa capacidade representativa e sen caer na conta do que para elas pode significar cantar as verdades que non serían nunca as do barqueiro.
Chama a atención que partidos ben representativos de, por exemplo, Euskadi, calen diante do que se lles ven -tamén a eles, aínda que menos que a Galicia e Asturias- enriba, porque o Cantábrico será a mesa á que senten a comer millóns de euros as empresas máis interesadas en “plantar” xigantescos muíños de vento creadores de megawatts e máis megawatts de enerxía eléctrica que xustificará a descarbonización industrial que reclama para xa a Unión Europea e que, por máis que se diga, non xustifican ese arredor de 200 metros de altura de cada aeroxerador instalado xusto sobre os mellores caladoiros de pesca. Nin PNV nin Bildu alzaron a voz no Parlamento Nacional para pedir explicación ao respecto.
En Galicia, con tres formacións políticas representadas no Parlamento autonómico, só o BNG reclamou o apoio da Cámara para demandar do Goberno do Estado a retirada dos POEM recentemente aprobados. Os nacionalistas galegos coidan que implantar a eólica mariña nas costas desta Comunidade Autónoma, traerá consecuencias negativas, especialmente para o sector pesqueiro, peza mestra da engranaxe social e económica desta terra.
Haberá que ver que votan PP (no goberno galego e maioritario absoluto no Parlamento autonómico) e PS de G-PSOE, terceira forza (absolutamente minoritaria) sen capacidade real de facer algo, no caso de que quixera ir contra deses Plans de Ordenación do Espazo Marítimo que tan directamente afectan a milleiros de familias que viven da pesca. Non hai interese en ir contra ou demostrar que a eólica mariña non é, en si mesma, mala; senón que son as localizacións deses polígonos de aeroxeradores os que resultan malignos para a pesca e, polo tanto, para o seu sector, as familias dos pescadores, a industria e os pobos pesqueiros, que nunca serán o que son se os POEM se “cargan” os caladoiros.
As de Galicia non son as costas do oeste francés; non son as costas de Países Baixos, de Alemaña. Dinamarca ou Noruega (só por poñer exemplos), e os habitantes da beiramar deses países non viven, como viven os galegos, tan dependentes do peixe e o marisco.
Daquela, a que se xoga, a que xogamos?



