A concelleira de Cultura, María Sampedro, visitou esta mañá ás instalacións da orquestra Sons
no segundo andar da Casa do Mar de Aguiño con motivo da próxima celebración de dous concertos organizados pola iniciativa deste grupo. A edil foi recibida por Araceli Filgueira e Alba Millet, integrantes
da orquestra de pulso e púa dirixida por Álex Millet, para dar a coñecer as características de ambos eventos, que están incardinados na programación do Maio Cultural que o Concello divulgará este
venres.
O primeiro dos concertos terá lugar o sábado 20 de maio ás 20.30 horas no Auditorio. Nesa xornada, os veciños terán a oportunidade de desfrutar da actuación dun grupo convidado: a catalá Laud’Ars
Orquestra, que recalan no noso municipio como parte dun programa de intercambio que levara a Barcelona á orquestra Sons no pasado mes de novembro.
Araceli Filgueira afirmou sentirse moi contentos por recibir a estes grandes profesionais da música e anunciou que o grupo aguiñense tamén interpretará un par de pezas.
Concerto de Aranjuez
En segundo lugar, o sábado 27, tamén no Auditorio ás 20.30 horas, os músicos de Sons acompañarán á guitarra solista de Carmen Gómez, profesora do Conservatorio, na interpretación do archicoñecido Concerto de Aranjuez. O grupo tocará ademais dúas pezas do século XX: o tema brasileiro Tico Tico e o adagio de Barber.
Alba Millet asegurou que á xente que acuda ao Auditorio lles vai encantar estes espectáculos.
María Sampedro avanzou que aparte destas dúas actuacións haberá tamén algunha outra sorpresa que se desvelará máis adiante e felicitou á todos os músicos da Orquestra Sons polo seu gran traballo.




