
A Asociación Local Foro Ecolóxico de Boiro, que colabora co Concello no labor de difusión do Mercado Eco-Lóxico que se celebra os segundos e cuartos sábados de cada mes na praza da Terceira Idade (a carón do Centro Social), compartiu os detalles dunha iniciativa de concienciación e divulgación ambiental que está a realizar esta tempada nos centros de Ensino Secundario do municipio de Boiro. En concreto, a acción céntrase no problema ambiental que causan as cabichas na natureza.
En concreto e segundo informan dende Foro Ecolóxico, o proxecto ten como obxectivo sensibilizar á veciñanza, poñendo o foco nas novas xeracións, sobre a importancia de depositar correctamente as cabichas nos contedores, no canto de tirar o lixo ao chan.
O obxectivo acadarase poñendo en marcha unha campaña de difusión orquestrada polo propio alumnado, sendo así axentes activos na proposta socioeducativa e ambiental, explican dende o Foro.
Nestes momentos, alumnado do IES A Cachada está a levar a cabo a parte correspondente de investigación, facendo un varrido de información, para despois redactar un tríptico informativo, un dos elementos que conformaran o proxecto completo, que espera materializarse para finais do curso escolar.
A asociación fai fincapé na importancia de poñer freo á proliferación das cabichas, un problema ambiental que vai a máis e que afecta xa á múltiples contornas ambientais e ecosistemas (en parte polo costume de guindalas na area da praia ou a través dos sumidoiros, dúas das principais maneiras de asegurar que estes perigosos residuos acaben nos ríos e no mar). Segundo datos recentes da ONG SEO/Birdlife o efecto contaminante das cabichas pode durar entre 7 e 12 anos na auga (outros estudos falan de máis tempo, ata 25 anos) e cada cabicha individualmente pode chegar a contaminar entre 8 e 10 litros de auga salgada e ata 50 litros no caso da auga doce.



