Comezou finalmente a programación do Abril dos Libros que poñen en marcha as Concellerías de Cultura e Educación de Ribeira, e unha das primeiras actividades será unha contacontos para nenos e nenas de 0 a 3 anos e as súas familias que terá lugar o sábado 15 de abril ás 12 do mediodía no Centro Cultural Lustres Rivas. Así, Charo Pita ofrecerá o espectáculo Porco, porquiño ensíname o camiño.
Para asistir cómpre inscribirse enviando un correo a normalizacion@ribeira.gal co número de persoas que van asistir, idade dos nenos e das nenas e un teléfono de contacto. Recibirase un correo de volta confirmando a reserva.

Presentación literaria
Na véspera, o Lustres Rivas vai dar cabida tamén, dentro da programación do Abril dos Libros, á presentación do volume Conversas comigo mesma & Emociones arrítmicas, da poeta pobrense Anxos Castro Parada. Terá lugar no dito centro cultural ás 20 horas e intervirán no acto Cornelia Ces Miranda, asistente de dirección, imaxe e protocolo; e Xulio Gutiérrez, escritor. Promove a editorial Diversidad Literaria en colaboración co Concello.

Ademais, ese mesmo venres acollerá no Auditorio Municipal unha función de monicreques dirixida aos centros de ensino. Trátase de A cabeza do dragón, adaptación da obra de Valle-Inclán por Títeres Cachirulo. Dará comezo ás 11 horas.




