Algúns dos veciños dun edificio localizado na Rúa de Lugo, no concello coruñés de Noia, tiveron que abandonar momentaneamente as súas vivendas mentres os equipos de extinción apagaban un lume declarado no ascensor. Outros foron orientados a permanecer no interior dos seus inmobles ata o restablecemento das condicións idóneas de habitabilidade nas zonas comúns.
Por fortuna, ninguén resultou afectado e as persoas poderán volver aos seus domicilios progresivamente xa que, malia que o lume está apagado, os bombeiros seguen ventilando a edificación.
Todo comezou ás seis horas da tarde de hoxe, cando os xestores do 112 Galicia recibiron unha chamada de alerta da Policía Local informando da situación. Os axentes indicaron que se atopaban no lugar prestando axuda aos inquilinos mentres agardaban a chegada dos equipos de extinción.
Así, desde o 112 pasouse aviso aos Bombeiros e ao GES de Noia. De acordo coa información facilitada ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, ardeu a cabina do ascensor e o oco resultou afectado polo fume.




