O Concello de Ribeira informa da adxudicación con carácter provisional dos traballos consistentes na substitución do céspede artificial do campo de fútbol de A Tasca, situado na parroquia de Aguiño, unha actuación na que se presentaron seis ofertas, sendo a da empresa Ouri Entretenimientos, S.L. a que resultou clasificada en primeiro lugar, conforme a unha oferta económica de 228.221,73 euros, IVE incluído.
Cunhas dimensións de 102×62 metros cadrados, o actual terreo de xogo acusa un notable desgaste derivado dun uso intensivo e do propio paso de tempo, ademais de abultamentos e depresións
nalgunhas zonas, o que aconsellaba a súa renovación. A tal efecto, vaise desmontar e retirar a herba actual, incluído o árido, e situar no seu lugar un novo céspede sintético de última xeración mediante
sistema tufting. Tamén se colocará novo equipamento deportivo, incluíndo porterías de fútbol 11 e fútbol 7, e picas de córner abatibles con banderíns. O prazo de execución é dun mes e medio.
Butacas do Auditorio
Outra actuación que tamén foi adxudicada provisionalmente pola mesa de contratación foi o subministro de butacas ao novo Auditorio Municipal, no que a maior puntuación recaeu na Sociedad Cooperativa Obreros de Ezcaray (Ezcaray Seating). Supón un investimento de 239.947,84 euros e permitirá dotar ao edificio da praza do Centenario de 460 butacas (450 fixas e 10 desmontables) para a sala principal e 120 para a sala polivalente (115 fixas e 5 desmontables), neste último espazo dispostas sobre unha grada
retráctil telescópica cuxo subministro tamén forma parte da contratación.




